Martín Romero: O debuxante que o apostou todo á súa vocación

Está a piques de publicar o seu cuarto libro de banda deseñada, «Uxío», co que gañou o premio Castelao


ribeira / la voz

O debuxo adoita constituír unha afección para moitos cativos, que gustan de pasar o seu tempo libre plasmando trazos sobre un papel. Pero vese que para Martín Romero (Boiro, 1981) era unha vocación que, aínda permanecendo agochada durante moitos anos, acabou estoupando para ilustrar o seu currículo persoal cunha traxectoria ascendente que semella imparable. A premios como o Injuve 2007 ou a beca Alhóndiga Bilbao 2009 vén de sumarse o Castelao de Banda Deseñada na modalidade infantil, que conseguiu con Uxío.

Non foi doado para este boirense atopar o camiño. Primeiro formouse no eido da educación física e despois no deseño gráfico, no que chegou a concluír o ciclo superior, pero en ningunha das dúas áreas sentíase cómodo. Foi en Londres, onde traballaba como camareiro ou botando man do que xurdira, cando recuperou aquela afección da infancia, primeiro como lector e, acto seguido, creando o súa propia revista de banda deseñada.

Primeiros traballos

Aquela paixón polo debuxo que rexurdira no interior de Martín Romero acabou de estoupar cando se trasladou a Barcelona: «Entrei en contacto con xente do sector e empecei a publicar». Sabía da importancia da formación e, seguindo o exemplo dos seus novos amigos de aventuras, decidiu compaxinar o traballo cun ciclo de ilustración, que rematou con éxito. Probou fortuna en varios certames e gañalos permitiulle ter un colchón económico para tratar de vivir da súa vocación. E, polo menos de momento, estao conseguindo.

Recoñece que a ilustración de libros de outros autores constitúe o groso do seu traballo, pero Martín Romero tamén foi quen de levar a cabo varios proxectos persoais. O primeiro veu a luz baixo o título Las fabulosas crónicas del ratón taciturno, contendo unha boa dose de fantasía e un toque de humor. Logo chegaría Episodios lunares, unha compilación de historias curtas que fora publicando en diferentes revistas. E despois viría La deuda, a súa obra máis realista, que ten como protagonista a un cómico que cae aos infernos e é perseguido por un cobrador.

Uxío é a súa última creación, a primeira por certo que vai dirixida ao público infantil e xuvenil: «É un volume composto por pequenas historias nas que hai un pouco de todo, desde anécdotas da vida cotiá ata aspectos fantásticos, incluíndo unha reflexión final. Buscaba facer un libro que resultara divertido», explica.

E, entre libro e libro, o boirense deu o salto ao mundo audiovisual, vinculado iso si coa animación. Comezou colaborando con Alberto Vázquez, chegando a traballar en Psiconautas, que no 2012 obtivo un Goya á mellor curtametraxe de animación; e acabou por montar a súa propia produción. Trátase de La noche, que ten como punto de partida unha das historias que forman parte da obra Episodios lunares.

Entre dous camiños

A ilustración levada á gran pantalla tamén conseguiu enganchar a este boirense, que xa está a traballar na súa segunda curta, aínda que recoñece que a paso moi lento: «Estou desenvolvendo a idea». Explícao coa satisfacción de saber que é o traballo o que lle impide ir máis rápido. Moi contento co xiro que un día decidiu darlle á vida para apostalo todo pola que era a súa vocación, Martín Romero alude ás vantaxes e aos inconvenientes que ten a profesión elixida: «Dá igual onde vivas con tal de ter acceso a Internet, xa que a maioría das encargas se xestionan por correo electrónico. A parte dura é que, para levar a cabo proxectos persoais, dependes moito de axudas e de gañar certames. Hai que ir facendo malabares».

Asume que os dous camiños entre os que se move actualmente son moi diferentes, aínda que teñen o debuxo, a súa gran paixón, como fío condutor: «Está claro que a ilustración non require practicamente material, con ter un bolígrafo ou un lapis e un papel xa é suficiente. Todo o contrario do audiovisual, onde os procesos son moi complicados. Para unha curta podes estar un ano traballando e para un cómic nun día podes finalizar varias páxinas».

E con iso se conforma Martín Romero, con seguir enchendo de vida folios en branco: «A miña meta é poder vivir disto; se pode ser, sen ter que andar coa calculadora sempre na man».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Martín Romero: O debuxante que o apostou todo á súa vocación