Manuel González: «O Día da Bicicleta afrontámolo como unha xornada de festa»

s. gómez RIBEIRA / LA VOZ

BOIRO

MARCOS CREO

O técnico de Deportes do Concello de Boiro recorda a evolución desta consolidada cita

01 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Manuel González (Boiro, 1973) leva ás súas costas a organización dun bo puñado de Días da Bicicleta. O técnico de Deportes do Concello de Boiro recorda a evolución dunha xornada que pasou de xuntar a un cento de persoas a rozar o milleiro de veciños subidos ás dúas rodas.

-Que significa para o seu departamento esta actividade?

-É unha actividade que xa conta con tradición. Facémola dende hai moitos anos, pero foi cando comezamos a colaborar con La Voz de Galicia que tivo un auténtico bum. Realmente pasamos de ser unhas cen persoas a andar nas mil. Para nós é unha das actividades de maior participación.

-E como a afrontan?

-O Día da Bicicleta afrontámolo como unha xornada de festa, de estar coa familia, e no que poden saír tódolos membros dunha casa. Trátase dunha marcha, non hai ningunha competición. Intentamos levala moi controlada, lentamente e facendo as paradas oportunas porque é importante que haxa moita seguridade.

-Iso é o primeiro.

-As medidas de seguridade temos que extremalas ao máximo, xa que van moitos nenos pequenos. Aínda así, os maiores tampouco están acostumados a ir en pelotón e pode haber unha caída. Intentaremos, na medida do posible, mitigar iso.

-Que número de participantes espera?

-A participación dependerá do tempo. Se non acompaña trasladaríase a actividade para outra data. A un día de festa non podes ir con mal tempo. Creo que podemos andar arredor dos mil participantes, contando adultos, e incluso algún dos meniños que irán cos seus pais na mesma bicicleta. Temos incluso algúns inscritos de un ou dous anos.

-E o percorrido? Será similar ao do pasado ano?

-Practicamente será o mesmo. Temos mañá (por hoxe) a xunta de seguridade, que a facemos sempre antes de este tipo de eventos. Alí decidiremos todo, pero a nosa idea é que sexa igual ou moi similar á última. A marcha parece pequena, pero son máis de 15 quilómetros.

-Chégalle ben.

-Si, hai moitos nenos que nunca saíron en bicicleta pola carreteira. Pero é un percorrido que se leva moi ben, que só conta cunha subida. Igual os nenos pequenos teñen un pouco máis de dificultade, pero non é moita.