Toño

Estevo Silva Piñeiro SOSPECHOSO HABITUAL

BOIRO

23 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Neste camiñar pola vida, de cando en vez, ímonos atopando con xente que deixa pegada no noso interior. Xente boa e xenerosa, desa que a podes ver cada dous anos e semellara que fora o día anterior cando falásedes por derradeira vez. Foi hai apenas un par de semanas, inmerso na ledicia de saber que xa estaba entre nós Zenón o Breguida, cando unha destas persoas me deu un susto de sete estalos.

Falo de Toño Casais, na miña opinión un titán da interpretación deste país. Un tipo ao que vexo moito menos do que me gustaría, pero ao me atrevo a chamar amigo. Un home que vive e respira por e para a escena galega e do que tiven o privilexio de recibir unha pequena parte dos seus coñecementos anos atrás no Teatro do Improvisto de Boiro. Todos sabemos que Toño é deses tipos que caerán coas botas postas sobre as táboas, mais non aínda, compañeiro.

Ese día estaba Toño traballando sobre o escenario de Muxía, coma tantos centos de veces, cando Talía, sempre imprevisible, fixo que dera co seu corpo nesa escena que tanto ama. Non paga a pena recrearse nun intre que, por sorte, estaba sen ensaiar. Se Toño se propuxera deixarnos tan epicamente de seguro que cun só ensaio estaría feito, mais aínda non, compañeiro: sempre fuches un tío duro, o meu sicario favorito. Fai falla máis dun golpe para apartarte dos teus.

Recoñezamos en vida a enorme valía de artistas coma Toño ou Artur Trillo ou a nosa Marta Ríos. Xente querida por este escribinte, xente que en circunstancias durísimas para a cultura coma as que levamos máis dunha década a vivir seguen tirando da súa paixón sen perder os azos.