Manuel Cartea: «Barbantia está xa no límite do posible, pero o ánimo é total»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BOIRO

CARMELA QUEIJEIRO

Arranca o seu curso máis intenso, coa estrea de dúas series de libros históricos e de traducións

22 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Colleuse un merecido descanso durante o verán, pero a asociación Barbantia volve á actividade cun apertado programa. Arrancará este novo curso o venres en Noia, cunha dobre presentación que reunirá a Antonio Piñeiro e a Manuel Portas. E o presidente da entidade, Manuel Cartea, adianta que os meses seguintes serán similares, pois son moitos os escritores que ansían dar a coñecer as súas obras nun territorio que dese o 2004 vive nun permanente terremoto cultural.

-Vía factible hai 15 anos, cando contribuíu a fundar Barbantia, que este fose o panorama actual?

-Claro que non. O calendario de actividades que temos preparado para este curso é tremendo, tanto que estamos a punto de vernos desbordados. Para outubro, por exemplo, ademais do acto mensual, que contará coa asistencia de Isabel Santos, hai previstas outras dúas citas en Boiro e en Rianxo.

-A asociación xa non ten entón que andar á caza de escritores?

-Agora son os escritores e os concellos os que recorren a nós na procura de colaboración. Modestamente, supoño que a sona da asociación vai medrando e todo o mundo a valora e confía en nós. Pola nosa banda, estamos encantados de poder organizar tal cantidade de actividades, pero estamos xa rozando as lindes do difícil. O que ocorre é que non sabemos dicir que non. Tanto a min como ao coordinador, Pastor Rodríguez, gústanos participar en todo o que nos propoñen.

-Non hai entón suficientes colaboradores?

-Temos moitos socios e moitos colaboradores con formación en diferentes eidos, pero como ocorre en toda asociación, o grupo que se encarga do traballo do día a día é reducido.

-A entidade está comezando entón un curso intenso...

-Si, un curso que xirará ao redor das actividades clásicas, coma o lanzamento do décimo quinto anuario; a edición do suplemento mensual con La Voz de Galicia, que a finais de ano chegará aos 150 números; ou o Café Barbantia, que está activo desde finais do 2013 garantindo a publicación dun artigo diario e conta con lista de espera. Tamén haberá nova Barbantiarte, romaría das Letras Galegas, premios Barbantia -que se entregarán o 14 de decembro en Boiro- e conmemoraremos o Día de Rosalía .

-Seguro que a este calendario xa habitual se sumarán novidades.

-Temos unha liña de traballo nova que consiste na publicación de libros históricos e aquí imos darlle entrada a obras en castelán. Xa temos editado Paseos por Victoriano García Martí, de García Bayón, e está en proceso La perla agrícola, de Ignacio Martínez Malvido, un mestre de Palmeira que fixo este estudo no 1885 para analizar como se traballaba o campo naquela época. Tamén iniciamos unha sección de traducións ao galego, que arrancará con Poemas, de Douglas Dunn, traducido por María Armental Romero.

-Entre os obxectivo de Barbantia está o de enxalzar o traballo dos artistas da comarca. Hai algunha iniciativa pechada neste sentido?

-Temos a punto a Homenaxe a Tres do 43, dedicado a tres noises que naceron no 1943: os pintores Manuel Romero e Alfonso Costa, e a escultora Soledad Penalta. Incluirá charlas, mesas redondas e, claro está, unha exposición das súas obras. Tamén está en marcha un encontro de creadores, coa exhibición de traballos de Soledad Penalta, Costa, Manuel Ayaso, Xoán Fernández e Castelao.

-Non cabe dúbida de que a asociación atravesa unha saúde inmellorable...

-Tan boa que Barbantia está xa no límite do posible, pero o ánimo é total, sempre está vivo. A organización de todas estas actividades require moito tempo, pero aí seguiremos ata que o corpo aguante.

-Esténdese esa boa saúde cultural a toda a comarca?

-Penso que si, porque o idioma é o gran monumento que unha sociedade ten que conservar e legar ás novas xeracións. Logo están a historia, a arte, o folclore... e nós tratamos e difundimos todos eses temas.

«Acadar 15 anos de actividade incesante, sen que se producira un só oco, é o noso gran éxito»

Como era de esperar, tendo en conta a traxectoria ascendente da asociación, Manuel Cartel fai un balance moi positivo dos tres lustros de vida de Barbantia. Pensa no futuro con certo temor, consciente de que para que o proxecto continúe fan falla persoas que se involucren.

Como sería o panorama se non existise Barbantia?

Se Barbantia non existise habería que creala, porque somos como unha oenegué que cubre baleiros alí onde as institucións non chegan. Hai moitas asociacións que promoven a cultura na zona, pero como esta, que abarca desde Rianxo ata Muros, a nosa é a única.

Cal é o gran obstáculo co que se atopa a asociación á hora de desenvolver o seu labor?

O certo é que non temos ningún obstáculo imposible de salvar; o único, que estamos chegando ao límite no relativo á posibilidade de levar a cabo todas as actividades que nos solicitan. Fáltanos tempo material.

Con este panorama tan positivo, cal é o gran reto de futuro?

O noso gran reto é conseguir manternos no nivel que temos a día de hoxe. Acadar 15 anos de actividade incesante, sen que se producira un só oco, é o noso gran éxito. A estas alturas, manterse sería o obxectivo, que non é tan doado como parece.

Cal é o principal risco que pode estar no horizonte de Barbantia?

O relevo é sempre un risco. Espero que cando esta directiva se xubile, haxa persoas en Barbanza dispostas a seguir o noso labor. Estamos a falar dun futurible, pero está claro que as necesidades no eido cultural van seguir estando aí, polo que sería desexable que tamén houbese persoas interesadas en cubrilas. A min, loxicamente, gustaríame que isto non morrese nunca.

Conseguiu Barbantia que os concellos se involucrasen na difusión da cultura?

Non traballamos con esa finalidade, pero se podemos servir de exemplo, se chegamos a ter ese prestixio para que haxa entidades interesadas en copiar o noso modelo de actuación, pois sería unha honra. Barbantia naceu para difundir a cultura e con ese obxectivo segue a funcionar.