Roi Fresco: «Sei que teño que gañarme o crédito»

S. Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BOIRO

CEDIDA

Exerce como técnico interino no banco do Atlético Ribeira co obxectivo de salvar ao equipo e manter a aposta polos futbolistas da casa

17 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Roi Fresco (Boiro, 1980) afronta o reto máis importante da súa carreira. Acompañado por Beto Teira, exerce como técnico interino na banqueta do Atlético Ribeira. O binomio, aínda que falto de experiencia, aposta pola súa paixón polo deporte rei para conseguir o obxectivo. A salvación é o único no que pensa un vestiario que conxuga o saber estar dos veteranos coas gañas de comerse o mundo dos mozos.

-Non hai un verán tranquilo na Fieiteira. Como se espera o ano?

-Eu vexo o equipo capacitado para conseguir a permanencia. Iso é o que todos temos marcado. Temos un grupo unido, contamos con 22 ou 23 fichas, á espera de que Fer Millán se poida sumar. Se todos están comprometidos, contarán con competencia para entrar nas convocatorias. Iso é bo, obríganos a estar intensos e traballar mellor.

-Cun equipo tan amplo tamén pode pasar que algún acabe deixando pola falla de minutos...

-Creo que non teremos ese problema. O máis importante son os adestramentos. O que non veña terá poucas posibilidades de entrar na convocatoria. Logo, durante a semana, seremos Beto e eu os que decidamos.

-Forman un corpo técnico con pouca bagaxe en equipos sénior. Cre que iso será un problema?

-A experiencia é un grado nestas categorías e iso pode xogar na nosa contra. Pero arrancamos con moitas gañas de facelo ben. Sei que teño que gañarme o crédito e que se nos vai xulgar polos resultados. Non vamos a ter tanta manga ancha como pode ter un técnico da traxectoria de Pepe Cores, por exemplo, pero os xogadores teñen que confiar en nós. Temos que ser unha piña, tirar para adiante e sumar tódolos puntos posibles. De momento non se nos deu mal. O primeiro partido perdémolo de forma inxusta e o segundo gañamos. Estamos contentos.

-Cales cre que serán as claves da temporada?

-Creo que o fundamental é que os xogadores estean tranquilos, que non sintan máis presión que a de lograr a permanencia. É clave que todos nos vexamos comprometidos co proxecto.

-Que fútbol queren facer?

-O que mellor se adapta aos xogadores é un fútbol de toque, de xogadas elaboradas e de finalizacións rápidas. Haberá momentos nos que haxa que facer un fútbol máis directo. Polo que vimos ata agora é o que se leva nesta categoría. Pero temos xogadores de moita calidade e hai que aproveitalos e sacarlles rendemento.

-O seu é un cargo interino aínda.

-Se Pepe quere volver ten as portas abertas, eu non teño problema e os xogadores tampouco. De feito eles estaban contentos con nolos dous. E eu tamén.

-E que tal é a súa relación con Beto? Como se complementan?

-Moi ben, el non ten experiencia cos equipos sénior, pero si moitos coñecementos. Eu levo varios anos adestrando en fútbol 11 e cando hai que pegar un grito pégase. Beto é da idade de algúns xogadores e iso permítelle falar en confianza con eles. Completámonos ben.

-Quenes son para vostede os candidatos ao título?

-Acabamos de comezar e é moi pronto para aventurarse. Falan do Negreira, pero non se pode descartar a ningún rival. O ano pasado o Cacheiras era un dos mellores conxuntos de Segunda Galicia e este ano case non sae a competir. Isto é unha lotería.