Boiro e A Pobra lembraron o que lle dá sentido á Galicia mártir

Santiago Miranda e os campos de concentración foron os eixos


RIBEIRA / LA VOZ

O BNG de Boiro e de A Pobra desenvolveron senllos actos encadrados no Día da Galiza Mártir, xornada coa que se conmemora o asasinato do galeguista Alexandre Bóveda o 17 de agosto de 1936 polas hordas fascistas. E cada unha das asembleas locais barbancesas citadas optou por facelo rememorando circunstancias distintas, malia que ambas dan sentido a unha efeméride para lembrar, aínda que só sexa co fin de que non volva a repetirse.

O BNG de Boiro fixo o seu acto na tardiña do venres. Nel tomaron a palabra o concelleiro Carlos Branco e o que fora alcalde da vila, Xosé Deira. A figura de Santiago Miranda Lago, fusilado o 23 de febreiro de 1937, foi o eixo da homenaxe, que incluíu o gravado do seu nome no monumento levantado na rotonda de entrada na vila.

Branco explicou os motivos polos que se celebra o Día da Galiza Mártir e o obxectivo de obter unha reparación para os asasinados e as súas familias por parte dun réxime que «quixo acabar con todo», cos defensores da democracia, fosen de esquerdas ou de dereitas.

Xosé Deira centrouse máis na persoa de Santiago Miranda, ao que xulgaron e fusilaron por rebelión militar, pese a non ser de ningún partido nin ter nada que ver con ningún dos bandos, só que tivo a desgraza de ser detido cando pasaba por Ponte Goiáns, onde os fascistas fixeran unha masacre, matando incluso a nenos e mulleres.

Tamén tomou a palabra Xulio Axeitos, da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica, que insistiu na reparación da que xa falara Carlos Branco, porque 83 anos despois do golpe de Estado aínda hai xente nas cunetas.

Coincidiu en pedir xustiza un sobriño de Santiago Miranda, e comparou o que ocorreu en España tralo 36 co xenocidio que se está a dar no Mediterráneo, para o que pediu políticas que sirvan para salvar á xente.

Penurias nos campos

Pola súa banda, na Pobra, os nacionalistas tiraron polos campos de concentración, xa que houbo dous no concello: un, preto dos Raposiños, onde está a fábrica de Friscos, que estivo operativo desde xaneiro a setembro de 1939; e outro no Areal.

O historiador pobrense Alonso Lamas desvelou interesantes datos, como as penurias que pasaron os represaliados, que morrían principalmente polo estado de insalubridade das instalacións, e o papel dos veciños de A Pobra, que apadriñaban aos presos para coidalos nas súas posibilidades ou incluso xogándose a vida para levarlles tabaco.

Previamente, depositaron un ramo de flores na entrada da rúa Alexandre Bóveda.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Boiro e A Pobra lembraron o que lle dá sentido á Galicia mártir