«Folía» resume en cen páxinas a esencia da historia de Boiro

Ana Lorenzo Fernández
Ana Lorenzo RIBEIRA / LA VOZ

BOIRO

O acto de presentación da nova revista das festas de verán congregou a un gran número de asistentes

30 jun 2019 . Actualizado a las 20:24 h.

Di o dicionario da Real Academia Galega (RAG) que folía significa «diversión alegre e barullenta», e non hai mellor palabra que esa para definir os festexos de verán de Boiro. Por esta razón, desde hai máis dunha década, a tradicional revista que resume todo o programa festivo leva este nome. Pero esta publicación é máis que iso, xa que en apenas cen páxinas quere ser un reflexo da historia e da esencia deste municipio barbancés.

O pasado venres tivo lugar a posta de longo do último exemplar, cun acto moi concorrido e no que se contou coa asistencia dun gran número de persoas que colaboraron con esta publicación e que tamén poñen o seu gran de area na organización das celebracións, que comezarán o próximo 7 de xullo. Alberto García, técnico municipal de Cultura, foi o encargado de actuar como mestre de cerimonias na presentación, na que falou dun novo cambio de rumbo das festas de verán, nas que quere apostarse máis pola cultura e a participación de distintos colectivos, «porque non son as festas do Concello de Boiro, senón as festas do pobo de Boiro», insistiu.

Recoñeceu que aínda que as actuacións das grandes orquestras -este ano tocarán Panorama, París de Noia e Combo Dominicano- supoñen un peso moi importante no programa dos festexos, «esta vez tentouse facer un reequilibrio nos estilos musicais», incluíndo grupos como Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre ou Caxade. Non se esqueceu de darlle as grazas a todos os colectivos locais que cada ano colaboran para facer máis grandes as celebracións, desde a asociación Abrañeira, que se encarga da malla do centeo, ata as peñas, ou os mozos de Arghallada, que organizan un gran concerto que inclúe mercadillo creativo e distintas actividades lúdicas.

Esencia do municipio

Alberto García tamén estendeu os agradecementos ás numerosas persoas que cos seus textos e imaxes axudaron a confeccionar este novo número de Folía, xa que todas estas testemuñas axudan a recuperar parte dos valores e do pasado do municipio boirense.

Pero, para poder facer esta revista, tamén é moi necesaria a colaboración de decenas de comercios e empresas, como recordou o alcalde, José Ramón Romero, Martiño, que tamén deu as grazas a todas as persoas que axudaron a acabar de elaborar o programa das festas de verán deste ano, a pesar de contar con tan pouco tempo.

A concelleira socialista María Outeiral tamén tomou a palabra no acto para falar deses novos aires que queren darlle aos festexos de Boiro, apostando máis polo propio e polos valores que queren sexan un reflexo do municipio. Boa proba disto está na elección das pregoeiras deste ano, que serán un grupo de mulleres que traballan no sector conserveiro, e que tampouco quixeron perderse a presentación do programa dos festexos que tivo lugar no centro social boirense.