Cecilia Santomé novela o amor e o desamor en «Quérote. Eu tampouco»

BOIRO

DANI GESTOSO

A escritora nada en San Simón presentou o seu libro no acto mensual de Barbantia

01 jun 2019 . Actualizado a las 19:59 h.

Cecilia Santomé e a súa primeira novela, Quérote. Eu tampouco, foron as protagonistas do encontro mensual coa cultura que dende hai 15 anos desenvolve a Asociación Cultural Barbantia, e que acompaña á publicación do suplemento A Voz de Barbantia, que acadou o número 145. A escritora nada en San Simón compareceu no centro social de Boiro acompañada polo coordinador da entidade, Xoán Pastor Rodríguez, e a secretaria, Mila Torrado, que conversaron coa autora para falar da estrutura do libro, pero sen desvelar as súas claves.

En primeiro lugar, o coordinador de Barbantia sinalou que Quérote. Eu tampouco é unha novela cosmopolita, áxil, aberta, exemplo dos novos autores galegos. Mila Torrado, pola súa banda, explicou a amizade que lle une a Cecilia, coa que compartiu cursos de formación. Aledouse de que se decidise a escribir, porque sabía que o facía moi ben, e falou da obra: un libro de amor e desamor, de prosa fácil, pero ben enlazada, na que «vas descubrindo ás persoas, pero non sabes quen é a protagonista». Tamén subliñou que non está repartida en capítulos, senón en tres partes encabezadas por enunciados mariñeiros: Maruxía, Salvavidas e Afundimento, e foi por esta singularidade pola que empezaron as preguntas dos directivos de Barbantia a Santomé. Por que usa termos mariñeiros unha autora do interior?

Paixón polo mar

A escritora recoñeceu que si é de interior, de moi interior, de feito é da montaña, pero o mar sempre a chamou. Sinalou que a parte de Maruxía representa as infancias dos protagonistas principais, en familias acomodadas, pero peculiares, propias destes tempos nos que os pais non lle emprestan aos nenos a atención que requiren. Salvavidas é cando ambas persoas conflúen e xurde o amor entre elas, chegan as ilusións, e todo é un espellismo que desemboca na terceira parte, Afundimento, das expectativas dunha realidade que non era a que estaban a vivir.

No debate de Barbantia falouse do escenario, Londres, e o carácter cosmopolita da novela, que é o mesmo que o da propia autora, xa que unha longa etapa da súa vida viviu no estranxeiro, entre París, cando estudaba, e a capital inglesa, onde residiu 15 anos. Cecilia Santomé explicou a súa relación con ambas urbes, e inclinouse pola británica como a que máis lle gustou das dúas, aínda que criticou a falta de afectividade da sociedade inglesa, da que dixo que é moi reservada coas súas emocións e ten unha estrutura familiar «moi afastada do meu concepto».

Acto seguido, trasladou estas características aos principais protagonistas da obra, Grace e Frank, contextualizando o seu entorno familiar, que repercute nas súas formas de ser, como o que lle sucede de nenos vai marcar as súas vidas, nas que irán buscando todo aquelo que non recibiron na infancia. A autora puxo sobre a mesa o paradoxo que se da na novela na figura de María, unha estudante española á que lle arrendan un cuarto, e dáse a circunstancias de que mentres a parella vaise desintegrando, a rapaza síntese mellor na pequena habitación que Grace e Frank na súa casa, e preguntouse quen son os marxinais, os que chegaron de fóra ou os do país?

Santomé tamén subliñou as soidades nas que viven os principais personaxes, pero negou que no relato houbese unha crítica social: «As novelas, non obstante, admiten moitas interpretacións, tantas como lectores», matizou. Tamén apuntou que no libro hai reivindicación polo analóxico, nunha fuga das novas tecnoloxías que, ao contrario do que se pensa, teñen máis illadas ás persoas que antes.

Para rematar, a autora apuntou que Quérote. Eu tampouco non é unha novela romántica, senón de amor e desamor, con un final inesperado, pero que a deixa aberta, aínda que xa anunciou que non ten previsto facer unha segunda parte.