Adriana Castro, a mestra de cerimonias dos festivais

Ana Lorenzo Fernández
ana lorenzo RIBEIRA / LA VOZ

BOIRO

MARCOS CREO

A boirense forma parte da organización do de Lorient e do tamén Fisterra Blues Experience

24 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Quixo estudar Pedagoxía por «unha irreverencia. O meu irmán era disléxico e quería buscar a forma de poder axudalo». Pero cando acabou a carreira notaba que lle faltaba algo e decidiu seguir explorando outros campos, así que sacou o título de Xestión Cultural pola Universidade de Santiago. Pero aquí non acabou a súa formación, xa que Adriana Castro (Boiro, 1988) é desas persoas ás que lles gusta aprender de todas as experiencias. Por este motivo, enrolouse no servizo de voluntariado europeo, no que tivo os primeiros contactos coa organización de festivais, e descubriu que lle gustaba esa rama profesional.

De volta á súa terra, estivo varios anos vinculada á empresa Innove Eventos, onde acadou unha grande experiencia e apostou «por renovar a organización de festas vinculadas á gastronomía, que non todo xirara arredor da comida, senón que tamén se achegase un programa musical e cultural». Con toda esta formación ás costas, a boirense volveu facer as maletas e participou en Edimburgo nun programa Erasmus para novos emprendedores. «Sempre que marchei ía coa perspectiva de regresar á casa, enriquecerme coa experiencia e logo trasladala aquí», explica a organizadora, que durante esta etapa tivo a posibilidade de sumar ao seu currículo a súa participación no Festival de Arte y Salud Mental dos Pireneos (Fes-Map).

Alí descubriu novas formas de traballar e, cando volveu a Boiro hai dous anos, decidiu montarse pola súa conta. A pesar «da precariedade coa que viven os autónomos», o traballo non lle falta. Como produtora de eventos, puxo o seu gran de area en festivais como o da Ribeira Sacra, Escenas do Cambio -na Cidade da Cultura de Santiago-, Cantos na Maré, Mercado de Estrelas ou os Vermús Musicais que promove Arousa Norte.

Un punto de inflexión

Non obstante, en toda esta traxectoria ascendente houbo un punto de inflexión cando coñeceu a Víctor Bello, de Nordesía Producións. A boirense sabe que custa moito que chamen á túa porta para encargar traballos, así que un día topouse con el nun evento e díxolle: «Cando me necesites, chámame». E en setembro xa estaba traballando con el para o festival lusófono Cantos na Maré.

Froito desta colaboración xurdiron dous importantes proxectos nos que está traballando na actualidade: os festivais de Lorient e o Fisterra Blues Experience, co aliciente de que o recoñecido certame galo está dedicado este ano a Galicia, e Adriana Castro, «xunto cun grupo de persoas, porque sempre traballamos en equipo», encargarase da produción da carpa galega.

«É un proxecto novo, no que non estamos ao lado da casa e é un reto moi importante, porque hai que controlar aos artistas, os aloxamentos e todas as necesidades que poidan xurdir», apunta a boirense, que aínda non quere desvelar que bazas presentará Galicia neste festival de Lorient. Ata o 25 de maio non será a presentación oficial, pero xa adianta que alí estará representado «o mellor que temos na música e baile tradicional, cantos de taberna e todo o que nos pode representar como galegos».

Paralelamente tamén está cos preparativos do Fisterra Blues Experience, que se celebrará a finais de xuño, e no que se mesturan «paisaxe, patrimonio e gastronomía, e todo arredor deste tipo de música. É un festival recente que apunta maneiras», recoñece Adriana Castro.

Xunto coa organización de eventos, Adriana tamén fai outros traballos de xestión técnica, busca de subvencións, redes sociais, comunicación ou educación en valores. Para ela cada día é distinto, cada proxecto é único e importante e todos son enriquecedores. «Desde sempre tiña claro que non quería un horario de oficina e que todos os días fosen o mesmo, quería un traballo que me gustara e en que o pasara ben». Confesa que ten un problema e sempre di a todos os proxectos que si, «porque como autónoma non sabes cando terás traballo, hai meses que hai moitos e outros que non hai nada».