Verbas de tradición e reivindicación

Ana Gerpe Varela
A. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

BOIRO

A Romaría das Letras celebrada en Boiro foi o epicentro da xornada festiva no Barbanza, con presentacións e actuacións folclóricas

18 may 2019 . Actualizado a las 15:25 h.

Converteuse onte a bisbarra nunha gran festa para celebrar o Día das Letras Galegas; actos que serviron para poñer en valor a tradición e para reivindicar a identidade propia. A Romaría da Cachada, organizada por Barbantia e polo Concello de Boiro, foi o epicentro da manifestación dunha riqueza cultural expresada mediante o folclore, os labores artesáns, a literatura e o movemento asociativo.

Diversos postos amosaban no recinto boirense as obras de artistas como Ché Tembra ou Paco Casal, nun diverso mosaico no que podían contemplarse o traballo das palilleiras, actuacións musicais e representacións como a do grupo de teatro Airiños, que cunha amena dramatización achegou aos presentes a importancia de Antonio Fraguas na preservación dos elementos intrínsecos da cultura galega.

Precisamente, sobre o homenaxeado no Día das Letras Galegas como «notario do que foi Galicia» falou o autor Héctor Cajaraville na presentación do seu libro: Antonio Fraguas. O bo mestre, o mestre bo.

A presentación do acto correu a cargo da vicepresidenta de Barbantia, Isabel Santos, aínda que foi o directivo de Barbantia Xesús Laíño o encargado de debullar o contido da obra, converténdose nun xornalista que interrogaba ao autor sobre o proceso de realización e as descubertas que fixo.

Héctor Cajaraville definiu a Antonio Fraguas como «a persoa máis representativa da historia da cultura galega do século XX». Dixo que a antropoloxía e a etnografía foron os elementos centrais do traballo do polifacético profesor que, respondendo a Laíño, asegurou que «quedou moi tocado pola Guerra Civil».

Pechou a presentación o alcalde, Juan José Dieste, agradecendo o labor «dos que fan posible este día da nosa terra» e afirmando que «todos somos fillos de Galicia e non podemos renunciar á terra nai».

Pola súa banda, en Taragoña levouse a cabo a celebración da Feira de 1906, con gaiteiros, postos de artesanía e un serán.

Acto en Noia

Na vila de Noia tivo lugar a ofrenda floral nos bustos de Avilés de Taramancos, realizada pola súa viúva, Sofía Baquero, e os seus fillos, Luís e Santiago, acompañados polo rexedor, Santiago Freire. O concelleiro de cultura, José Pérez, colocou o ramo no de María Mariño.

Acto seguido inaugurouse unha exposición filatélica dedicada a Antonio Fraguas e houbo unha divertida actuación de Serafín Marcos.

En Esteiro, o colectivo O Xeito lembrou a Xosé Agrelo cunha ofrenda e cunhas verbas sobre a súa traxectoria.