A gran festa da lingua inunda a comarca

A.L.

BOIRO

Festivais de música e baile, xogos populares, lecturas de poemas ou camiñatas son algunhas das actividades deste día

17 may 2019 . Actualizado a las 10:19 h.

Chegou outro 17 de maio e, como todos os anos, a comarca énchese de decenas de actividades para festexar o día grande das letras galegas, que este ano ten como protagonista a Antón Fraguas, polo que moitos dos actos irán encamiñados a lembrar a súa vida e obra.

Boiro

Parque de A Cachada.

A celebración da novena Romaría das Letras do Barbanza -que organiza a Asociación Barbantia e o Concello- volverá a ter como escenario o parque boirense, que se abrirá ao público ás 11.00 horas. Ademais de xogos populares, durante a mañá haberá actuación de distintas agrupacións, ás que seguirá un xantar campestre. Sobre as 16.00 terá lugar unha lectura de textos de Fraguas a cargo dos membros do grupo de teatro Airiños de Rianxo. A continuación se presentará o libro Antón Fraguas. O bo mestre, o mestre bo, de Héctor Carajaville, e tocará o grupo Barahúnda. Paco Nogueiras, Suso Baamonde e a Banda de Música de Boiro tamén actuarán durante a tarde. Ademais, tamén hai programadas actividades na rúa peonil de Boiro, onde Magín Blanco realizará xogos tradicionais (11.30 a 13.30 horas).

ribeira

Música e talleres.

Para festexar o Día das Letras Galegas, o grupo Andavía percorrerá desde as 11.30 o centro de Ribeira. A esa mesma hora haberá un festival de cine infantil inclusivo na praza do Concello -que se repetirá pola tarde (17.00)-, así como talleres para coñecer a figura de Antón Fraguas; e no auditorio Fantoches Baj presentarán Os romeiros do caracol (19.00). O programa de actos tamén viaxará ata as parroquias, e así haberá inchables na casa de cultura de Carreira (12.00) e no conservatorio de música de Aguiño (16.30), onde tamén está previsto realizar un taller de debuxo para nenos e Pedro Brandariz presentará un espectáculo baseado no escritor ao que se lle dedica a xornada de hoxe (19.30).

rianxo

Feira de 1906.

O Campo de Pazos de Taragoña volverá a viaxar no tempo para celebrar unha nova feira, que sobre ás 12.00 horas comezará o programa de actos cunha sesión vermú, actuación de gaiteiros, postos de artesanía e un xantar popular a base de racións de churrasco con patacas e polbo. A primeira hora da tarde terá lugar o torneo da escoba polos bares da aldea e, ás 18.00 horas, unha decena de grupos participarán nun serán popular. A festa continuará pola noite coas actuacións de Leo Arremecaghona e D’Esmorga e cunha sesión de pinchadiscos. Ademais, haberá unha clase de baile tradicional a cargo dos membros de Fogo Fatuo na piscina municipal (10.30 horas), e unha visita guiada pola vila con saída desde a Casa Museo Manuel Antonio (12.00).

Noia

Ofrenda floral. A Alameda da vila noiesa será o epicentro de todo o programa de actividades, que comezarán ao mediodía coa actuación do grupo Cantigas e Agarimos. Tamén ao esta hora inaugurarase -no claustro do Concello- unha mostra de selos organizada polo Grupo Filatélico e Numismático de Noia, e ás 13.15 terán lugar as tradicionais ofrendas florais fronte os bustos de Antón Avilés e María Mariño, un acto amenizado por Serafín Marcos e Os Salgueiriños.

Outes

Certame de poesía. Como colofón aos actos do Día das Letras Galegas, ás 18.00 horas, na casa de cultura de Outes, fallarase o Certame Francisco Añón de Poesía. Ademais, presentarase a obra que recolle os traballos premiados na edición anterior e o libro gañador na categoría de adultos, Ixina, de Kal Lois Baltrusch.

Lousame

Cernadas. O atrio da igrexa de Fruíme acollerá o acto de homenaxe a Cernadas de Castro (12.00 horas). Tamén se repartirán exemplares do libro O ilustrado cura de Fruíme, de Carlos García, e o escolares lerán poemas.

A Pobra

Reparto. A Concello entregará 200 exemplares do libro O fillo do rei e outros contos populares, a obra de Maruxa Barrio e Henrique Harguindey coa que homenaxean a Fraguas. O reparto terá lugar, ás 12.30 horas, nos xardín Valle-Inclán, onde haberá unha carpa destinada ao persoeiro desta edición do Día das Letras Galegas (en caso de choiva, será na praza do Emigrante). Tamén o BNG realizará unha ruta -con saída ás 18.30 horas do cruceiro de Santa Cruz- coa que se pretende recuperar a toponimia desta zona.

Porto do son

Gran concerto. No municipio sonense as celebracións terán como escenario a praza de España, onde haberá (20.30 horas) un gran concerto de Óscar Ibáñez & Tribo e a banda de música tradicional Suevia.

Mazaricos

Camiñada. Para render homenaxe a Manuel González Otero, o Cego de Fornís, organizouse unha camiñada para recorrer a parroquia de Coiro. Haberá varias paradas nas que se farán lecturas e o acordeonista Emilio Lois interpretará cancións compostas por este veciño de Mazaricos.