Boiro converteuse na capital barbancesa da cultura innovadora

Ana Lorenzo Fernández
Ana Lorenzo RIBEIRA / LA VOZ

BOIRO

Un centenar de persoas asistiron á oitava edición do Pecha Kucha, rebautizado como Fálame Sempre

27 abr 2019 . Actualizado a las 13:33 h.

Hai iniciativas que cando nacen xa se converten nun éxito, e incluso seguen mellorando co paso dos anos. Boa proba disto é o certame Pecha Kucha que desde hai oito anos impulsan a Asociación Boirense de Empresarios (ABE) e o Concello co obxectivo de dar a coñecer iniciativas innovadoras que poidan servir de exemplo a outros emprendedores. Nesta ocasión, a nova directiva do colectivo empresarial presidida por Daniel García, Baldani, decidiu incluír varias novidades, comezando polo cambio de nome.

A chamada desde Xapón dunha empresa dicindo que Pecha Kucha era unha marca rexistrada motivou que se optara por elixir outra denominación máis da terra: Fálame Sempre. «Quixemos xogar coa retranca da expresión e tamén co que significa, de falar co outro para compartir experiencias», resumiu Alberto García, que xunto con Baldani estreou unha nova posta en escena conxunta que axudou a facer unha gala moi divertida á que puideron asistir máis dun centenar de persoas.

Mantendo o mesmo formato de 20 imaxes por 20 segundos, polo escenario da sede da ABE foron desfilando os representantes das empresas distinguidas nesta edición, comezando pola Farmacia Cimadevila de Boiro. Carmen Pouso foi a encargada de facer unha pequena síntese do seu traballo, explicando que o éxito de todo o que fan está nos traballadores e na ilusión e esforzo que poñen por ampliar os servizos para ofrecer unha mellor atención aos clientes, un aspecto no que tamén destacou a súa gran aposta pola innovación. Para rematar, ofreceu un consello: «Rodearos de un buen equipo y cuidarlo mucho».

A Cristina Domínguez tocoulle o encargo de falar de toda a evolución da bodega Granbazán, desde a súa singular plantación arredor da bodega, ata a súa aposta por crear a denominación de orixe Rías Baixas, que impulsou o seu salto ao mercado internacional. «En todos los países que tienen una cultura de vino no tienes que explicarles quien eres, porque saben situarnos en el mapa perfectamente», afirmou.

Arriscar

Os vinte segundos estipulados para as presentacións non lle chegaron a nada a Carlos Domínguez, Pity, organizador de O Marisquiño, que quixo destacar os mellores momentos deste festival, que sempre apostou marcarse metas moi ambiciosas. «La innovación es un gran riesgo, puedes saborear éxitos o fracasos», destacou, para logo sinalar grandes novidades na próxima edición do certame.

Daniel García quixo tomar a palabra para presentar aos seus amigos Abel Tomé e Victorino Pedrosa, responsables da Casa da Avoa, unha empresa de conservas de embutidos onde mesturan os ingredientes típicos da gastronomía galega cun deseño moderno. Nunha divertida presentación, falaron de todos os pasos que deron e de como chegaron a vender en varios países de Europa a base de mesturar cultura e creatividade, dous ingredientes que teñen o éxito asegurado.