Manuel Brión, discreto precursor do movemento obreiro en Boiro

ANTÓN RODRÍGUEZ GALLARDO

BOIRO

CEDIDA

Firme convencido da necesidade de cambios na sociedade da vila dos anos 30, o seu activismo acabaría custándolle a vida

26 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha das figuras máis representativas do ámbito socio-político boirense previo á Guerra Civil foi Manuel Brión Suárez, destacado organizador do asociacionismo obreiro e labrego durante a etapa republicana. Nacido en 1886 no seo da familia dos Xesteiros de Fonte do Mouro, Manuel Brión fora un dos moitos galegos que, tras pasar pola emigración americana, retornara coa experiencia de ter vivido a efervescencia social e política daquelas latitudes.

De volta á casa cun capital abondo para abrir en Cabo da Cruz, onde será coñecido como o Americano, un ultramarinos e casa de comidas (O Paxaro Pinto), e con ideas renovadas sobre a organización da sociedade e o papel que nesta habían de ter as clases populares, chegada a II República converterase en peza clave na eclosión das entidades xurdidas á calor da Casa do Pobo.

A súa actividade comezaba na primavera de 1931, colaborando, dende o cargo de secretario, na creación da Sociedad Agraria y de Oficios Varios La Fraternidad, a primeira organización esquerdista na historia de Boiro tras adherirse ao sindicato UGT. No verán do ano seguinte, Brión participa tamén na posta en marcha da Agrupación Socialista Obrera, onde sucesivamente asumirá varios cargos directivos.

Designado concelleiro

Despois de cinco anos traballando intensamente na promoción do asociacionismo e na reivindicación en favor das clases populares, tras a vitoria da Fronte Popular nas eleccións xerais de febreiro de 1936, sería designado concelleiro polo Goberno Civil xunto a outros socialistas, republicanos progresistas e membros do Partido Galeguista.

A implicación, serea pero firme demostrada por Brión na organización do movemento obreiro sería repudiada polas forzas reaccionarias da localidade, sempre opostas aos cambios que non foran no seu propio beneficio e alarmadas polo espertar popular.

Considerado xa que logo un dos causantes de que a vida pública boirense se revolucionase durante o período republicano, o seu castigo chegará tras o golpe de Estado de xullo do 36.

Obrigado a ocultarse cando o exército rebelde toma Boiro, a finais de novembro daquel ano, Brión era localizado e matado a tiros por unha partida de gardas civís e falanxistas nun monte próximo á Fonte do Mouro. Tiña 50 anos e estaba solteiro. Ao dicir da prensa facciosa, eliminárase un suxeito perigoso, afiliado ao comunismo e de pésimos antecedentes.

Bens embargados

Só uns días despois, os seus bens serán embargados polo Goberno local, que declaraba os edís da Fronte Popular responsables subsidiarios da desaparición de cartos públicos, atribuída ao alcalde en funcións e ao depositario na súa fuxida in extremis cara a Portugal.

«Manuel Brión era un home intelixente, serio e moi formal -dicíanos Marcelino Castro, un correlixionario seu-. Era un político máis ben. Nunca andaba en algarabías nin esas cousas. El era do Partido Socialista. Un home moi culto, moi preparado». Similar opinión tiñan del outros camaradas cos que no seu día nos entrevistamos.

Só a crueldade dun réxime militar baseado na represión do adversario político e a implantación do terror pode explicar aquel asasinato que, un 23 de novembro do 36, tinguiu de sangue inocente un piñeiral próximo á Fonte do Mouro.