Marisol López: A sementadora da arte da agulla e o fío

Conta por centos as boirenses que aprenderon con ela a técnica do bordado


ribeira / la voz

Vén de poñerlle o punto e final a media vida exercendo como monitora de bordado e faino por problemas de saúde, pero feliz do traballo realizado. Marisol López é incapaz de poñerlle número ás alumnas que tivo nas diferentes localidades de Boiro nas que impartiu clases. Cóntaas por centos, todas elas mulleres que atoparon nas súas clases algo máis que un espazo no que aprender a decorar telas con agulla e fío: «Moitas fixeron amigas e a outras que pasaban por unha mala etapa serviulles de terapia. Todas esperaban con ilusión a chegada do día da clase».

E Marisol López era a primeira que ansiaba esas sesións, a posibilidade de transmitir os coñecementos que fora adquirindo desde que tiña 12 anos, cando empezara a formarse no bordado á máquina da man das Vieiteiras. A partir daquela etapa, coa axuda de revistas e, sobre todo, da súa propia imaxinación, as súas mans foron pouco a pouco converténdose nas dunha artista da agulla e o fío. Asegura que pasou moitas noites sen durmir, pensando nos deseños que podía plasmar, nas cores a empregar e nas telas máis axeitadas.

Este traballo foi loxicamente a máis cando se converteu en monitora: «Hai que pensar que tiña varios grupos á vez e que cada unha das alumnas facía dous ou tres traballos de forma simultánea. Eu quería que confeccionaran obras diferentes e singulares, que non fixeran sempre o mesmo». Marisol López iniciou a súa etapa como mestra na Asociación Amas de Casa de Boiro, desde onde deu o salto a diferentes puntos do municipio.

Tivo incluso que renunciar a algúns encargos por falta de tempo, pois o seu home traballaba no mar e ela encargouse da crianza dos dous fillos da parella. Aínda así, sacou tempo para formarse en decoración e arte floral. Desta última disciplina tamén chegou a impartir clases gratuítas. Mesmo se dedicou un tempo ao escaparatismo: «Fixen moitos traballos, tanto en Boiro como en Noia e Ribeira».

Disposta a seguir axudando

Recoñece que desde sempre lle gustaron moito os traballos manuais e a artesanía, pero non dubida á hora de elixir o bordado como a súa gran paixón. De feito, vese incapaz de pechar a súa etapa como monitora: «Déixoo porque a saúde non me permite continuar, pero seguirei tendo unha xuntanza cada 15 días coas miñas alumnas de Cespón, para que poidan consultarme dúbidas e compartamos experiencias». Engade ademais que a súa casa e o seu teléfono seguirán sempre a disposición daquelas que teñan algunha pregunta que facerlle.

Marisol López asegura que se vai satisfeita do traballo realizado: «Soñaba con ter un final así, con non deixar polo feito de que as alumnas me fosen abandonando, senón por unha decisión miña, por iso me sinto tan feliz». Tamén destaca o feito de que, ao longo da súa ampla traxectoria, fixo ducias de amigas e ningunha inimiga: «Polas miñas clases pasaron centos de mulleres, desde nenas de 9 e 10 anos ata señoras con máis de 70. Teño que dicir que non me lembro de terme enfadado con ningunha delas. Nese sentido, non me queda remordemento ningún».

Abandona, aínda así, cunha espiña cravada, pois, polo de pronto, ninguén seguirá os seus pasos: «Si que tratei de preparar a algunha sucesora, fundamentalmente a unha que eu consideraba que tiña aptitudes, xa que para impartir clases non vale calquera por moitos coñecementos que teña, pois é importante deixar os problemas na casa e transmitir sempre ledicia». Pero unha oportunidade laboral afastou a esa alumna do camiño aberto por Marisol López: «É a gran pena que teño. De ter sucesora, xa me tería retirado antes».

Vaise sabedora de que o seu esforzo serviu para encher moitas casas de auténticas obras de arte: «Eu puxen de min todo o que puiden e espero que non lle fallara a ninguén».

Exposición. Cos traballos realizados polas súas alumnas nos últimos anos, Marisol López montou unha exposición no número 45 da avenida da Constitución boirense. Pode visitarse de luns a venres, entre as 17.00 e as 21.00 horas.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Tags
Comentarios

Marisol López: A sementadora da arte da agulla e o fío