Ricardo Casais: «A ilusión é ter ao Ribeira en Terceira»

Logo de 40 anos nos campos de fútbol da comarca, explica como ve o futuro e o presente do deporte rei


Ricardo Casais (Ribeira, 1962) é unha desas persoas sen a cal non se poderían entender as última décadas de historia do fútbol na capital barbancesa. Con 18 anos tomou a presidencia do Artes, para dar máis tarde o salto ao Ribeira sénior. Pegado sempre ao céspede, fixo de todo, dende recoller balóns a pintar coa cal. Logo de 20 anos como delegado do conxunto celeste, explica como sente un deporte que é unha parte fundamental da súa vida.

-Que significa o fútbol para vostede logo de tanto tempo?

-Para min un domingo no que non hai partido non é domingo.

-Están a piques de conseguir o ascenso e o título de liga.

-Estase traballando ben coa base. Teñen rapaces aos que lles gusta adestrar cos pequenos. Pero en Ribeira fai falla máis unión entre os clubs. Hai moi bos xogadores, pero están todos ciscados.

-A que o achaca?

-Hai moita envexa deportiva. Todos queren gañar, pero se nos uníramos poderíamos ter un equipo en Segunda B, e xa ves, estamos en Segunda Galicia e dá grazas. A ver se este ano subimos. Ah! E quería felicitar ao Artes polo ascenso.

-Coñece ben esa casa...

-Collín a presidencia con 18 anos. Era un momento crítico, tódolos directivos o deixaban e estaba a piques de desaparecer. Estivemos Orellán máis eu, e botáronos unha man outros tolos coma nós. Foi así ata que veu o Ribeira a buscarme. Era demasiado, botábamos moitas horas.

-Como ve ao seu antigo club?

-Agora está Javi Lijó e a ver se entre todos non perden a ilusión. Fixeron un bo bloque, pero teñen que empezar a adestrar a pequechos, polo menos xuvenís e cadetes. Pero para iso fai falla moita xente.

-Como recorda esta longa etapa no Ribeira?

-Veume a buscar Pepe Cores para ser o delegado dos maiores. Esa foi a miña misión, chovera e ventase. Teño saído da casa ás oito da mañá e vido ás doce. Recordo cando íamos a Burela pola estrada cativa que había.

-Que é o mellor que saca do fútbol a estas alturas?

-A convivencia cos rapaces. Para min o fútbol é a miña familia. Dende que comeza o curso ata que remata todos os xogadores son da miña familia.

-Sorprendeulle algún en especial?

-Houbo moitos e moi bos. Recordo a Pablo Maneiro, a Luis Casais ou a Cascallar. Estivéramos tres anos sen perder un partido. Co Artes, que non era nada, e aí estábamos xogando fases de ascenso. Recordo a Luis, moi traballador. Era aínda un rapaz e xa adestraba aos máis pequenos. Sen traballo non hai nada.

-Hai moita pedra por picar.

-Cando estaba no Artes era tódolos días da semana. Tiñas que pintar o campo, arranxar os vestiarios, buscar aos rapaces... Menos a cantina, tocoume de todo. Teño días de facer sete viaxes para buscar aos xogadores, a Ribeira, a Castiñeiras...

-A onde fixera falla.

-Tiñamos a varios de Castiñeiras, entre eles a Álex Vidal, o campión de taekuondo. Ao principio temíamos por se lle facían unha falta, pero estábamos equivocados, sempre tiraba para diante.

-E o futuro que tal o ve?

-Negro, cada un tira para o seu lado. Debíamos traballar todos na mesma dirección. Teríamos un equipo en Terceira cos ollos pechados, pero queremos matarnos entre todos. Porque xa ves a de xente que houbo nos partidos entre Ribeira e Sálvora, pero é todo polo morbo.

-Para Preferente habería equipo de sobra.

-Mínimo, en Terceira. Esta é unha terra de bos xogadores. Se traes aos que están no Boiro, aos do Ferrol... Son xogadores que todos xuntos fan un equipo moi bo. Ademais sempre houbo bos adestradores e xente que lle gustou traballar.

-Moitas persoas din que os rapaces xa non queren xogar...

-Eu os que vexo no Ribeira son todo o contrario. Teñen unha ilusión bárbara por saír ao campo. Cando pase o tempo, quen sabe...

-A xente do fútbol chámalle Rogelio. ¿A que vén?

-É polo defunto do meu avó. Era moi afeccionado ao fútbol e os compañeiros do Artes puxéronme o seu nome.

-Non lle gustaría volver a coller un equipo?

-Non podo xa. Cando non había teléfonos móbiles, teño chegado á hora de comer á casa para avisar que marchaba de novo para o fútbol. Saudaba á muller e dicíalle, teño que marchar para alí ou para alá.

-Agora todo parece máis sinxelo que antes.

-Agora dan a vida os campos de herba sintética. Senón ías ver cantos directivos collían a carreta para marcar as liñas! Pero os rapaces sempre tiveron ilusión.

-Que desexo lle gustaría que se cumprira?

-A ilusión é ter ao Ribeira en Terceira, e con xente de aquí. Iso é o que me gustaría. A ver se este ano damos o salto a Primeira e podemos recuperar a rapaces que marcharon e intentar dar outro zarpazo. Manter aos xuvenís e infantís en galega é importante. É unha ilusión para todos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Ricardo Casais: «A ilusión é ter ao Ribeira en Terceira»