Marina Caramés: «Xa non se ven rapaces xogando na rúa»

Álvaro Sevilla Gómez
ÁLVARO SEVILLA RIBEIRA / LA VOZ

BOIRO

MARCOS CREO

A pobrense destaca a importancia dos valores no deporte e dos muros que deben superar as mulleres dende o banco

17 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Marina Caramés (A Pobra, 1990) vén de pechar co Unión infantil a súa primeira tempada dende o banco. Logo dunha vida competindo co Boiro feminino, a barbancesa, que se forma para converterse en mestra de educación física, colleu as rendas do conxunto coas ganas dun reto. Valores, compañeirismo e traballo, eses son os piares do seu estilo.

-Como valora o curso?

-A verdade é que estou bastante contenta, a pesar de que empezamos con problemas. Co tempo puidemos avanzar moito. Estas idades, de entre 12 e 13 anos, son complicadas. Queríamos formar aos rapaces en certos valores que son parte do fútbol.

-Cal era o obxectivo?

-Conformar un bloque, que non marcharan. O ano pasado eran moi poucos rapaces, non chegaban nin a 11, e este curso tiven que facer convocatoria. O fútbol ao final era algo secundario, buscábamos fomentar hábitos saudables, que tiveran ganas de xogar e de pasalo ben.

-Seguirá para o ano?

-Xa se verá. Eu estou moi contenta con eles, pero teño traballo e o estudo para as oposicións faimo máis complicado.

-Merece a pena o esforzo?

-Si, este é o segundo equipo que adestro. Ao ser rapaza é complicado, porque nos campos venche doutra maneira. Amola dicilo, pero é a verdade. No Unión respectóuseme dende o primeiro momento, en ningún intre tiven problema polo meu sexo. Pero contra algúns rivais ían a saudar ao meu segundo porque pensaban que o adestrador era el e non eu. Son cousas que non deberían suceder, pero pouco a pouco vaise progresando.

-Xa leva un bo cacho nos terreos de xogo da zona.

-Comecei a competir no Boiro con 17 anos e xa teño 28. Son bastantes tempadas [ri].

-Falando de valores, cales son os que se deberían defender?

-Creo que a clave é respectar aos compañeiros. Quero que se leven ben entre eles. Tamén é importante facer o mesmo co árbitro, e logo está a grada. Sabemos que moitos pais, en lugar de inculcar cousas positivas, fan todo o contrario. Dificultan o proceso. No referente aos colexiados, os rapaces ven partidos de profesionais e copian todo. En lugar de imitar ao rugbi, no que o árbitro é sagrado, aquí faise o contrario. Temos que ser conscientes de que, se non hai colexiado, o fútbol non vai cara adiante. É unha figura fundamental.

-Logo desta tempada, como valora a experiencia?

-Moi boa, foi moi positiva. Tanto á hora de organizar un grupo, de preparar aspectos tácticos e de traballar cos nenos. Sérveme de experiencia para as oposicións e tamén para o meu desenvolvemento. Eu por min repito, pero fáltame o tempo. De feito tiven que deixalo agora, quédanme dous meses para os exames e din un paso ao lado.

-E como ve a saúde do fútbol base nesta comarca?

-A verdade é que vexo bastante progreso, estase crecendo. En Boiro, por exemplo, as escolas son cada vez máis grandes. En Rianxo estanse facendo as cousas ben, pero hai rapaces que non queren apuntarse.

-Hai que loitar contra o Fortnite.

-O teléfono móbil acaba con moitos deles. Progrésase, pero xa non se ven rapaces xogando na rúa. A sociedade cambiou e cada vez hai máis oferta deportiva.

-E como ve o fútbol feminino?

-Está avanzando a pasos xigantescos. Queda moito, pero a xente implícase moito máis, hai interese e ganas.