Adrián Alves: «Queremos ser unha potencia»

Logo de acadar o título co equipo xuvenil, afronta o reto de pelexar polo campionato galego co bloque infantil


Ribeira / la voz

Adrián Alves (Boiro, 1986) é un dos piares que sosteñen ao Boiro Voleibol. Licenciado en Ciencias da Actividade Física e o Deporte (INEF), vén de gañar como adestrador o campionato galego co conxunto xuvenil. O domingo disputará o título co bloque infantil. Farao na casa, nun pavillón da Cachada que comeza a converterse nun dos puntos ineludibles para os amantes do voleibol autonómico.

-Como afronta o novo reto?

-É un torneo diferente ao da semana pasada. Son rapaces máis pequenos e para eles sempre é algo novo. Custa que estean concentrados no que deben facer, pero o equipo respondeu moi ben, rematou a fase regular primeiro e só perdeu un encontro. Temos moitas esperanzas neles, hai talento e creo que van darnos unha boa xornada de domingo.

-Son candidatos ao título.

-A priori somos os favoritos, pero mira o que pasou no xuvenil, que o campión rematou terceiro. Nas categorías base debes focalizarte nun mesmo, preocuparte do que podes facer e intentar dar a mellor versión. Teremos nas gradas ás familias e contamos con esa obrigación de facelo ben. A semifinal será ás (10.00 horas) contra Emevé. A ver que pasa...

-A federación volve contar con vos para organizar outro evento desta índole.

-Colaboramos moitas veces, este ano tócannos os campionatos infantil, cadete e xuvenil. Saben que aquí hai afluencia de público, que é un pavillón chulo e que a organización é boa. Para nós é un escaparate. A semana pasada tivemos A Cachada chea. Iso de que o voleibol é un deporte minoritario en Boiro xa hai que esquecelo.

-Como viviron o título cos xogadores xuvenís?

-Levábamos un mes preparando este torneo co equipo de Superliga 2. Responderon moi ben, extraordinariamente. Intentamos encaixar as pezas o máis rápido posible, porque este ano non xogaron xuntos demasiados encontros. Ao final competiron ben e responderon á presión. Creo que fomos xustos campións.

-Cal é agora o seguinte paso?

-Estamos adestrando a tope, cargando as pilas. O próximo mes vamos a Soria ao campionato de España xuvenil.

-Que meta se poñen para o título nacional?

-O obxectivo do ano está cumprido, que era meterse no campionato de España. O escenario é moi bo para que medren como xogadores. Esta xeración xa ten conseguido metais en citas de esta índole, pero iremos partido a partido. Será iso o que nos diga a onde podemos chegar. Tocounos no grupo co campión valenciano, que é o gran coco, pero viaxaremos sen renunciar a nada.

-Estes rapaces serán importantes co equipo sénior?

-Moitos xa estaban xogando, como é o caso de Pablo, Christopher ou Darío. Tiveron peso, e iso que a Superliga 2 é difícil. Esta é unha competición na que o físico e ser veterano contan moito. O vindeiro ano contamos con eles, co galego que fixeron tiraron coa porta abaixo [rí].

-Cos cadetes tamén disputarán o título autonómico.

-Rematamos tamén primeiros. Temos bo equipo. A priori todo o mundo pensaba que íamos estar intratables, e que cos xuvenís íamos ter máis problemas. Ao ser campións hai opcións de gañar os tres títulos, pero non quero falar moito diso.

-Aínda que non os consigan, o éxito do club está aí. ¿A que o atribúe?

-Son moitos anos de esforzo. Os xuvenís xa foron campións como infantís. Hai 6 ou 7 anos de traballo con eles e de xeito continuado. Isto demostra o que o modelo actual serve.

-É o camiño para que o voleibol en Boiro teña futuro.

-Nós témolo claro, investimos moito na formación e seguirá sendo así no futuro. O outro día foi unha pasada ver a tódolos familiares na grada. É bonito que os rapaces de aquí compitan e sintan o club. A verdade é que o domingo foi un fin de ciclo para esta xeración. Son sete anos de traballo, nos que participou moita xente e de moito desgaste, sobre todo para os xogadores.

-Quedan retos para o futuro?

-A verdade é que cada vez complícase máis, todo o mundo que vén a Boiro quere gañarnos [rí]. O reto é manter a estrutura do club, darlle continuidade á formación e que todos poidan xogar ao voleibol en Boiro. Queremos ser unha potencia no deporte de Boiro. Esa é a nosa meta.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Comentarios

Adrián Alves: «Queremos ser unha potencia»