Manu Rodríguez: «A do Porriño foi unha lección para saber xogar cos de abaixo»

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

BOIRO

MARTINA MISER

O xogador do Arousa reapareceu con dúas asistencias a Sylla

10 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Seis partidos despois, Manu Rodríguez volvía o pasado domingo a unha convocatoria do Arousa en Liga. E facíao para converterse nun dos dous homes determinantes na remontada e triunfo final arlequinados ante o Barco no estadio da Lomba, cun 2-1 co que os de Rafa Sáez salvaron con éxito «unha final», como cualificaba onte a cita o asistente dos dous tantos de Sylla.

Tras probarse con éxito 80 minutos no encontro de Copa Deputación de metade de semana, Manu constatou felizmente a súa recuperación total dunha lesión no seu xeonllo dereito, con rotura parcial de grao 2 do ligamento interno, e rotura parcial do ligamento cruzado posterior. Tal foi o grao de melloría, que finalmente non precisou sequera de botar man do tratamento con factores de crecemento posto sobre a mesa polo doutor Cota, ao ver que «na cuarta semana a recuperación avanzaba ben», sinalaba onte.

O mediocentro, puntal no xogo do Arousa ata a súa lesión, falaba onte de que, a nivel persoal, o partido do pasado domingo era importante «para ver as sensacións que podía ter no xeonllo». E foron boas. No tocante ao equipo, salienta o feito de que o Arousa non só salvou unha final, senón que «lle recurtamos puntos ao cuarto», agora a 4. Nas súas seis xornadas no dique seco, que vivíu «con máis nervios ca xogando», o futbolista valora como «bos os resultados», e a constatación de que «hai equipo, non é longo, pero os que estamos vese que estamos para sumar».

«A vitoria co Barco permítenos encarar os sete últimos partidos en disposición de todo», afirma Manu, que fala de pensar partido a partido, porque «os rivais que pelexan por salvarse», como o Boiro que recibe o domingo o Arousa «son máis complicados». Claro que os de Sáez contan cunha vantaxe: «A do Porriño foi unha lección para saber como xogar cos de abaixo».