Changui: «Se ía xogar 5 anos máis, esta campaña xa me restou 2 ou 3»

Este domingo volve a San Lázaro un dianteiro que marcou co Compos en tódalas categorías, de Preferente a Primeira


Pasa dos corenta e segue a pé de obra facendo o que sempre: goles. E agora, ademais, compatibilizando coa presidencia, en Boiro.

-¿Vese igual o fútbol como presidente?

-Igual. Sobre todo, o que ves é o que fixeron contigo como xogador e tratas de non cometer eses mesmos erros.

-¿Quere abundar sobre esta reflexión?

-Non. É o que eu penso, polas experiencias que vive un.

-¿Desgasta máis cadrar un orzamento ou pelexar na área?

-Desgasta máis o de presidente. Tanto eu como a miña directiva levamos oito meses, e desgasta. A situación era pésima, cunha débeda enorme, un equipo por facer, un xuvenil por facer, as escolas.... Hai moito traballo.

-Chegan nunha liña descendente. ¿E máis de resultados ca de xogo?

-Coido que é máis de resultados ca de xogo ou merecementos. Todos sabemos o que é o fútbol. Cando a pelota non quere entrar, é difícil sacar puntos. Sabemos que podemos dar, temos que queimar todas as balas que nos quedan e tratar de puntuar en tódolos campos. Iremos co noso xogo, sabendo que o Compos é un dos grandes. Pero está en Terceira, igual ca nos.

-¿É o equipo que máis trata de dominar co balón?

-Si, creo que si. De todos quizais sexa o que máis quere xogar, o que máis quere o balón. As veces iso, en Terceira, ten un lado negativo. Hai equipos que se encerran, esperan e restan puntos. O Compos é moi fiable no seu estadio, pero fóra, en campos máis pequenos ou sintéticos, ten máis problemas para desenvolver o seu fútbol.

-¿Esa será a idea do Boiro, pecharse e esperar?

-Creo que a nosa idea irá na liña de intentar sacarlle o balón o máximo posible. Se o ten noventa minutos, vai xerar e ter ocasións. Canto máis tempo teña que correr detrás do balón, mellor para nós. Co novo míster é o que tentamos.

-¿Segue a ser especial para vostede pisar San Lázaro?

-Volver a San Lázaro sempre é especial. Gardo un grande cariño ao estadio e o club. A SD deumo todo. Veume buscar a Boiro, deume a oportunidade... Agora, como presidente e xogador do Boiro, o que me interesa son os tres puntos e despois desexarlle o mellor. A ver se este ano ascende. Están facendo as cousas ben. Merece unha categoría superior.

-¿A viabilidade do Boiro pasa por seguir en Terceira?

-Cambia moito, polo escaparate da Terceira e no económico tamén. Pero non é unha obriga. Buscamos un proxecto viable para este club. Se baixamos, igual leva máis tempo eliminar débeda, pero seguiremos traballando na canteira, nos xogadores da zona, buscando ingresos.

-¿Está xa nesa idade na que toca decidir a final de curso se un continúa ou non?

-Si, cando chegas a esta idade é case que unha cuestión mental. O tema de ser presidente e xogador nótase. Se ía xogar cinco anos máis, esta campaña xa me restou dous ou tres. Agora estou mentalizado en ver se podemos salvar a categoría, despois tocará descansar e a ver se sigo ou chega o momento de parar.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Tags
Comentarios

Changui: «Se ía xogar 5 anos máis, esta campaña xa me restou 2 ou 3»