Melanie García: «Apostei a que marcaba 50 goles»

BOIRO

MARCOS CREO

A pichichi de Vista Alegre quere dar un salto de calidade, pero espera facelo coas súas actuais compañeiras

22 mar 2019 . Actualizado a las 18:08 h.

Era aínda unha cría e Melanie García (Valga, 1997) xa quedara atrapada polo fútbol. Tiña 6 anos cando, a hoxe máxima goleadora da segunda división galega co EFM Boiro, comezou a súa andadura co Furia. Con 42 goles na saca e logo de nove tempadas no club barbancés, a eléctrica dianteira só pensa en seguir crecendo coas súas compañeiras. Aínda que petaron á súa porta outros conxuntos, teno claro. Quere seguir en Vista Alegre.

-Como foron os comezos?

-Sempre me gustou o fútbol. Empecei no Furia e estiven cos rapaces ata os infantís. Logo o que naquel momento adestraba ao Boiro, Miguel, que era tamén amigo do meu pai, invitoume a xogar con eles. Un día veu unha chea de balóns na nosa casa e preguntou de quen eran. Eran meus e acudiu a algún encontro do Furia. Dende aquela sigo no Boiro. Vou e veño dende Valga.

-Que tal a época cos rapaces?

-Moi ben, nunca tiven un problema por ser muller. En realidade sempre me protexeron. Cos vestiarios si era máis complicado, porque non nos cambiabamos á vez. A veces tiña que esperar a que o fixeran eles, pero normalmente deixábanme a min en primeiro lugar, ou mesmo mo cedía o árbitro. Nunca tiven un problema, nunca me xulgaron. En realidade era das mellores e vacilaban moito aos meus compañeiros daquela [ri].

-Como foi a súa chegada a Boiro?

-Era das máis pequenas. Tiña 13 anos e era suplente. Estaba acostumada a ser titular. Custoume, pero conseguín un oco. Agora son das máis maiores. Estou moi contenta, aprendín moitísimo e entre nós levábanos moi ben.

-E ademais é a mellor de todas.

-Non, non. Esa é Eva. É a xogadora máis completa. Danos moito ánimo ao resto, nunca se rende.

-Cales son os obxectivos do equipo para a tempada?

-Queremos xogar a fase de ascenso a primeira. Na copa tocounos contra o Tordoia, que é un rival moi complicado. Tomarémolo como adestramento para o partido contra o Miúdos.

-É o encontro máis importante que lles queda?

-Si, elas levan xa dende o partido de ida dando a batalla.

-E a nivel individual que espera da tempada?

-Creo que aprendín bastante este ano. Antes tiña moitos erros de cara ao gol, poñíame nerviosa. O míster estivo comigo ensinándome. Non só á hora de encarar, senón tamén para pegarlle mellor ao balón. Non darlle tanto co empeine e si co interior. Teño aínda moito que mellorar. Son moi irregular. Hai días nos que me sae todo e outros nada.

-Pero leva 42 goles.

-Apostei a que marcaba 50 goles. Foi co meu pai, quédanme 8, pero aínda teño marxe. A liga ten un nivel baixo. Hai moitas rapazas que empezan. É necesaria unha competición intermedia. Non só por nós, as que debutan non o pasan ben. Xa non saen para ganar, senón para non perder por moitos goles. Agora o salto de segunda a primeira é moi alto. Creo que esa liga nova sería boa, todas poderíamos competir con máis emoción.

-Vese nun torneo superior?

-Xa me chamaron de outros equipos, pero isto é unha afección para min. Non me quero comprometer cun equipo de arriba, porque iso esíxeme ir adestrar e por estudos non podo. Gustaríame chegar lonxe, pero dende abaixo, coas miñas compañeiras. Se marchamos as que máis tempo levamos, nunca se termina de formar un bloque.

-Parece que o fútbol feminino non deixa de medrar.

-Eu sempre tiven o apoio da miña familia, pero si, cada vez vese máis xente. Está o exemplo da Liga Iberdrola. Creo que aínda se ten que mellorar, pero acabará habendo máis igualdade. Antes o fútbol víase como un deporte de nenos, pero esas barreiras están superadas. Cada vez hai máis rapazas xogando.

-Tocoulle vivir algún episodio de machismo?

-Sempre tiven moita sorte, nunca me dixeron que non xogara por ser muller ou que non valía para isto. Cando xogaba cos rapaces paseino moi ben, tiña que meter máis o corpo, pero iso faiche máis forte. Aprendes a base de golpes. A experiencia é importante, nótase moito cos anos.