Raquel Rodríguez: «Dentro do coche síntome inmortal»

Afronta o reto de loitar polo título, aínda que recoñece que o nivel dos competidores mellora cada ano


Ribeira / la voz

Con vinte ralis ás súas costas, Raquel Rodríguez (Boiro, 1997) afronta esta tempada o seu reto máis ambicioso. Xunto a Antonio López, a copiloto barbancesa quere loitar por levantar ao ceo a Copa Top Ten Pirelli B. Namorada do automobilismo dende que era unha nena, explica que lle levou a dar un paso adiante para lanzarse á conquista do asfalto.

-Debutaron a pasada semana na Coruña. Que tal lles foi?

-O certo é que íamos moi ben, pero rompeunos un palier e tivemos que abandonar. Fixemos bos tempos, pero ante iso non tes resposta. A ver se para a próxima carreira hai máis sorte.

-Espero que nos seus inicios gozara de máis fortuna.

-Con catro anos meu irmán xa me levaba ao Rali de Noia. A partir de aí comezaron a chamarme os coches. Aos meus pais non lles gustaba que fora, pero cando cumprín os 18 anos púxenme o obxectivo de chegar a copiloto. Estiven buscando con quen competir, pero é complicado que alguén confíe en ti así de primeiras. Con 19 anos déronme esa oportunidade e debutei en Noia.

-Como foi esa primeira vez?

-Mal [ri]. De feito non cheguei a correr. Rompemos na saída do primeiro tramo. Uns meses máis tarde participei en Lalín con outro rapaz. Ese si estivo ben. Terminámolo. Foi algo moi emocionante porque estaba toda a miña xente esperando ao final.

-Que meta ten para este ano?

-O primeiro obxectivo era facer unha tempada cun único piloto, xa que precisas unha adaptación. Irei con Adrián López a pola copa de maior nivel, a Top Ten Pirelli B. Contamos con posibilidades. Sabemos que o coche é bo e temos nivel. É difícil, pero gústannos os retos.

-Como define a función dun copiloto?

-É complexa. O teu traballo comeza antes da carreira, preparando todo para o lugar ao que vas. Cando chega de fóra, o piloto non coñece nada. Facendo unha comparación, é como se fose un neno pequeno e móstraslle a onde ten que ir. Cando nos dan o libro de ruta, vou preparando percorrido, enlaces e tramos. Intento facelo antes. Coa axuda do Google Maps busco as estradas, os accesos... Despois teño que mirar os horarios, onde durmir, centros médicos por se pasa algo...

-Ten choio abondo. Cal é o mellor e o peor momento durante un rali?

-O peor é cando estás para saír ao primeiro tramo, xa que hai moitos nervios. Unha vez que o pasas, sóbeche a adrenalina. Sobre todo cando as cousas van ben.

-Nun deporte moi masculino, sentiuse algunha vez relegada?

-No, incluso ás veces che tratan mellor. A xente está concienciada e xa é normal ver a unha muller. O único que queremos é que nos trate igual que ao resto, que nos valoren polos nosos méritos.

-Que foi o que lle atrapou?

-Ver como a xente vivía as carreiras. Non é un deporte que se vexa moito e cando fun ao primeiro rali sentín esa adrenalina, esas ganas de saír a pelexar. Dixen que eu tamén tiña que vivir iso. Víao como algo afastado, pero con esforzo e con gañas podes conseguir o que queiras.

-Cal é a súa gran meta?

-Gustaríame correr a nivel nacional ou europeo e seguir facéndoo con estas gañas e ilusión. Espero que nunca se marche a ilusión e a paixón.

-Cal cree que é o camiño para chegar tan arriba?

-Debes saber onde tes os teus límites e ir pouco a pouco. Non podes querer saltar a escaleira dun salto. É un proceso máis lento e debes adaptarte á túa vida, ao teu traballo... Aínda que outros o fagan máis rápido, non podes querer chegar da mesma forma sen valorar o resto.

-Dende fora parece un deporte perigoso. É así?

-Non te creas, cando me subo nun coche, no que menos penso é en levar un golpe. Estamos moi protexidos. Temos as barras, monos, roupa ignífuga e o casco. É bastante complicado sufrir un accidente. Dentro do coche síntome inmortal.

-Tiveron o apoio de varias marcas para a tempada.

-Si, así como do Concello de Boiro. Tamén nos botou unha man. Colabora con moitos deportes e ao alcalde gustoulle moito a nosa idea e o proxecto. O patrocinador máis grande que temos é R5 Store. O coche vai rotulado coa súa publicidade, tamén nos axudaron moitísimo. Todos se portaron moi ben.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Tags
Comentarios

Raquel Rodríguez: «Dentro do coche síntome inmortal»