Pablo Mariño: «Queremos que sexan protagonistas»

BOIRO

CARMELA QUEIJEIRO

O boirense confesa que non existen barreiras se contas coa axuda adecuada e con confianza nun mesmo

28 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Para Pablo Mariño (Boiro, 1985) o deporte inclusivo pode ser unha desas vías que mellore a integración das persoas con diversidade funcional. Responsable desta área en Ambar, dirixiu os dous primeiros partidos do equipo de fútbol sala federado que crearon. A experiencia, confesa, foi un éxito. Nada máis rematar, os xogadores xa querían máis.

-Como comezou o seu camiño no eido deportivo?

-Cando cheguei á asociación estiven noutras áreas. Ata hai catro ou cinco anos o deporte que se facía consistía nun torneo anual no que estabamos diferentes entidades, como A Misela, A Creba... Un ano facíase brilé, outro baloncesto ou fútbol. Reducíase a unha xornada e pensamos: por que non mantelo? Foi aí cando comezamos a aumentar a actividade física a un día cada semana.

-Ata participar na liga de fútbol inclusivo, como foi a evolución?

-Comezamos con sete ou oito usuarios. Xa os dobramos. O que buscamos é tratar de darlles unhas pautas, ensinarlles que o exercicio é beneficioso para a súa saúde. Teñen inculcado que o ocio é algo pasivo, como xogar ás cartas ou ver a televisión. Buscamos que entendan que isto aumenta a súa calidade de vida. Non buscamos Messis ou Cristianos, pretendemos que vivan experiencias en primeira persoa. Que saiban o que se sente ao marcar un gol ou celebralo co resto de compañeiros.

-Funciona?

-Interiorízano decontado. Non só lles gusta, senón que, ao rematar, xa piden máis. Xa me preguntan cando é a seguinte sesión.

-Como viviron ese primeiro encontro da liga de fútbol?

-Esa semana xa tiña algún xogador que me dicía que non puidera durmir. Tiñan ese nerviosismo que todos experimentamos cando tiñamos un gran partido o día seguinte. Participar na liga serve para reivindicar que en Barbanza tamén podemos ter un papel activo e un rol importante no deporte inclusivo. Queremos que non teñan que ver sempre os encontros detrás dun valado, senón que poidan ser os protagonistas, que deixen de ser meros espectadores.

-Teñen moitas máis disciplinas que o fútbol sala.

-Dividimos todo en dúas liñas, segundo as necesidades de cada persoa. Unha é de mantemento, para persoas con menor mobilidade, onde practicamos pilates e natación. Tamén implantamos o programa Móvete, que foi pioneiro. Tratamos de que o exercicio se fixera fóra do horario da sede. Un sábado ao mes facemos unha actividade en Ribeira, A Pobra, Boiro ou Rianxo. Logo está unha liña máis esixente, na que practicamos baloncesto, vela, boxeo, taekuondo, running e pádel.

-Entendo que os días fóra da aula permiten darvos a coñecer.

-Facémonos ver. O deporte é unha ferramenta moi importante para a inclusión. Permítelles crer na súa valía. Aínda que teñamos capacidades distintas, todos sentimos alegría ao chegar á meta ou ao xogar nunha pista.

-O voso é un exemplo para toda a sociedade. Sen deporte, a calidade de vida decae.

-O corpo está deseñado para estar en movemento, non para pasar oito horas sentado diante dun ordenador. Necesita actividade. A nosa misión é atoparlle o deporte que mellor lle vai a cada usuario. Incluso hai xente en cadeira de rodas que fai pilates. Ao principio non o crían, eran escépticos, pero con pequenos pasos viron os beneficios que tiña para a súa saúde.

-Case nada.

-Levamos tempo rompendo estereotipos. Cando comezamos a practicar vela dicían que non poderiamos, que era para outro tipo de persoas. Foi un éxito. Pasou o mesmo co boxeo ou co atletismo. Nas últimas probas na comarca conseguimos que se engadira a categoría de zapatilla inclusiva. Fronte aos estereotipos cremos que calquera, aínda que sexa con axuda, pode conseguir o que queira. Moitas veces os límites poñémolos nós mesmos.

-Estou de acordo.

-A veces atopámonos cunha sobreprotección familiar. No noso caso cremos en empoderar a esas persoas, que teñan unha maior autonomía. Non podemos estar con elas as 24 horas do día. Tennos pasado con xente que usa cadeira de rodas. Cando imos á piscina queremos que baixen soas, pero algúns pensarán que non queremos axudalos. Se ten un problema ás tres da mañá na súa casa quen lle bota unha man?