Unha represión agachada na historia

Emilio Grandío incidiu en Boiro nas dificultades que hai para sacar á luz algúns anacos do pasado


Aínda que non é un libro descoñecido na comarca, Xeración perdida proxecta luz sobre un período da nosa historia que nos últimos tempos está en cuestión, quizais porque non se xestionou adecuadamente ou por facer todo o contrario ao que ocorreu noutros países que, a pesares de aprobar leis de punto final, si foron revisados, como se encargaron de lamentar Xoán Hermida, en representación da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica no Barbanza (Crmhb), e Emilio Grandío, coordinador da obra feita realidade polo traballo do Grupo de Investigación Hispona, da USC.

Foi no acto mensual de Barbantia no marco no que se debullou a obra, sendo Pastor Rodríguez, no nome da entidade, quen sinalou que pon nome ás vítimas da represión, contextualizando as corporacións municipais de entón e os métodos que empregaron para rematar cunha xeración xurdida da Segunda República. Lembrou o caso da boirense Bríxida Muñiz, única concelleira que había na provincia e que non se librou dos represores. Avogou porque a investigación da que é froito este libro, vaia máis alá, e que indague sobre onde acabaron outras persoas que tiveron que fuxir e nunca máis se soubo delas, como Antonio Domingo Fontán, ou José Fernández Vázquez, coñecido como o comandante Sotomayor e Noé.

Xoán Hermida deu unha primeira resposta a Pastor, anunciando que o próximo caderno que publicará a Crmhb estará dedicado a Noé. A continuación, Hermida repasou polo miúdo a incidencia da represión na comarca e criticou as dificultades existentes para realizar unha investigación máis profunda. Coas cifras de que na provincia, 334 concelleiros foron varridos do mapa, e 88 deles asasinados, continuou a súa exposición, citando a Bríxida Muñiz como torturada, e ao tamén concelleiro de Boiro José Caballero, como asasinado no Confurco, e enterrado no cemiterio de Tállara sen nome na súa lápida, aínda que avanzou que a Comisión pronto fará algo para rematar co doloroso anonimato.

Unha comarca sometida

Hermida sinalou, que a pesar da dureza da represión, o que buscaban os fascistas era rematar coa democracia, porque era a principal ameaza: «As vítimas nin sospeitaban o que lles ía pasar, descoñecían o que se lles viña encima. Lendo as súas cartas vese que, ao principio, eran incrédulos, e logo, resignados».

O mestre de Ribeira desmentiu cuestións como que Galicia estaba cos fascistas, moi ao contrario, polas investigacións desenvolvidas dedúcese que non era un territorio afín, polo que foi violentamente sometido, e de forma especial a comarca do Barbanza. Concluíu afirmando que a represión que seguiu ao golpe de estado foi un xenocidio, e como tal debería de tratarse, e para respaldar a súa conclusión repasou unha por unha as condicións que ten que reunir un conflito para que sexa considerado un xenocidio.

Emilio Grandío, pola súa banda, fixo propias moitas partes da intervención de Hermida. Ademais, puxo de manifesto as dificultades que existen hoxe para desenvolver investigacións sobre ese período da historia de España e de Galicia, tanto pola dificultade para acceder aos arquivos, cousa que non sucedía despois da transición ata os 90, como pola falta de información que hai nos arquivos municipais sobre as distintas corporacións: «Se non sabes quen eran os concelleiros, como vas poder saber que foi deles», manifestou.

Grandío tamén coincidiu en que a represión, contrariamente ao que se pensa, non foi contra unha ideoloxía, senón contra a democracia, personificada nunha xeración de concelleiros xurdida da Segunda República, a maioría con idades comprendidas entre 20 e 25 anos, e que se quixo borrar na súa totalidade: «É certo que nos anos 30 podía haber algunhas sombras, pero non chegar a un guerra», sinalou o profesor da USC, «pero a Segunda República modernizara este país».

O coordinador da obra lamentou que non se puidera facer o libro na transición, porque naquel tempo terían moitas máis fontes vivas das que careceron no traballo de dous anos que lles supuxo Xeración perdida, e denunciou as dificultades que aínda se dan para escribir a historia.

O acto completouse coa lectura de poesías de Rosalía de Castro, adiantándose á conmemoración do 182.° aniversario do seu nacemento.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Tags
Comentarios

Unha represión agachada na historia