Empresarios por un día en Espiñeira

Unha vintena de estudantes puxeron en marcha un negocio de venda de xabóns

;
Alumnos del IES Espiñeira pusieron en marcha su propia empresa de jabones Alumnos del IES Espiñeira pusieron en marcha su propia empresa de jabones

ribeira / la voz

Nada mellor que levar a teoría á práctica para ver os erros e os acertos, para detectar obstáculos e salvalos, para coñecer as consecuencias do éxito e do fracaso, en fin, para aprender. Veñen de comprobalo en carne propia 18 alumnos do IES Espiñeira, concretamente os estudantes do módulo de Xestión Loxística e Comercial que se imparte no segundo curso de Administración e Finanzas. Aplicaron os contidos vistos na aula á creación dunha empresa que o xoves vendeu 200 xabóns elaborados artesanalmente polos mozos.

Esta empresa ficticia con sede en Boiro iniciou a súa andaina no pasado mes de decembro. Existía no instituto un antecedente, pois xa hai tres anos se puxera en marcha un proxecto similar. Xa daquela se optara polos xabóns como produto a comercializar e nesta ocasión os emprendedores, que contaron coa axuda da mestra Julia Rodríguez, mantiveron a aposta. Comezaron cunha parte de carácter administrativo: «O primeiro paso foi comprobar se era factible desenvolver este proxecto por cuestión de custes, materiais e espazos», explica a profesora; para continuar pola selección dos provedores das materias primas, que atoparon no comercio local.

Compra, rexistro e almacenamento de materiais foron os últimos pasos antes de que os novos empresarios se puxeran mans á obra para a fabricación do produto que lanzarían ao mercado. Elaboraron 200 pastillas de xabón de diferentes formas e para dous usos diferentes: uns feitos con aceite reciclado para lavar a roupa e outros para o corpo, realizados con aceite de oliva virxe mesturado con caléndula, lavanda e loureiro. Despois de calcular o prezo de cada produto en función do seu peso, decidiron que as cantidades de saída ao mercado se situarían entre os 50 céntimos e os 2,50 euros.

Fins benéficos

O penúltimo chanzo desta cadea foi a parte publicitaria, moi importante en calquera negocio, e o derradeiro, a venta da produción. Esta tivo lugar o xoves, coincidindo co día dos namorados, no propio centro educativo. E non podía ter mellores resultados. Os emprendedores esgotaron a súa produción e facturaron máis de 200 euros. Esta contía xa ten destino, posto que previamente os estudantes decidiran entregarlle os beneficios da súa empresa a unha asociación sen ánimo de lucro e decantáronse por ABAS, a Asociación Barbancesa de Axuda e Solidariedade.

«O obxectivo era que os alumnos se achegasen aos distintos pasos do proceso loxístico e empresarial, vendo como hai que coordinar os procesos administrativos para chegar a esa venta final dun produto», explicaba onte a mestra responsable do proxecto. Recoñecía que, ao longo dos dous meses de traballo investido, os emprendedores tiveron que superar algún que outro obstáculo: «O cálculo dos custes foi unha das partes que lles resultou máis complicada, xa que se tivo en conta o pago ficticio dun aluguer ao instituto e o gasto da luz. A maiores, o primeiro lote de xabóns perdeuse e acabou no punto limpo».

Pero onte, cando viron os froitos do seu esforzo e tiveron o recoñecemento dos seus compañeiros, que se traduciu na compra das pastillas de xabón, os mozos non agocharon o seu entusiasmo. Julia Rodríguez está convencida de que este é o método a seguir: «Hai módulos que, polo seu contido, son moi arduos e hai que buscar o xeito de facelos máis sinxelos e prácticos».

De feito, ao longo do curso, leváronse a cabo outras actividades que lle permitiron aos estudantes ver a utilidade práctica que teñen os coñecementos que están a adquirir: «Visitamos unha empresa de novas tecnoloxías de Nigrán e tamén un viveiro de empresas en Porriño. En breve iremos a Ikea, onde nos explicarán o sistema de almacenamento».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Tags
Comentarios

Empresarios por un día en Espiñeira