Diego Fernández: «Síntome con moita confianza»

Álvaro Sevilla Gómez
Álvaro sevilla RIBEIRA / LA VOZ

BOIRO

BASILIO BELLO

O pobrense, que saíu da outrora brillante canteira do Aguiño, é unha peza clave no conxunto de Carballo

15 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Diego Fernández Ventoso (A Pobra, 1990) converteuse nunha peza fundamental dun Bergantiños que loita co Racing de Ferrol polo liderado de Terceira. Unha tempada de escándalo no Silva, onde exhibiu todo o seu potencial, abriulle as portas dun dos mellores conxuntos da categoría. Dono dun dominio das dúas pernas exquisito que xa evidenciou sendo un rapaz no Aguiño, sumoulle un poderío físico que lle permite brillar en varias posicións.

-¿Como valora a tempada?

-A verdade é que co equipo que temos esperábamos estar arriba. O propósito de todos, corpo técnico, directiva e xogadores, pasa por quedar campións e ascender. Veremos se é posible. O Racing de Ferrol e o Compostela van a poñelo moi difícil ata o final.

-Parece que tiveron dúbidas nos últimos encontros.

-A primeira volta foi todo perfecto, pero, antes de Nadal, e á volta das vacacións, custounos. Tivemos un mesiño no que gañamos dous puntos de 12. Iso prexudicounos bastante e perdemos a vantaxe que tiñamos.

-¿A que o achaca?

-Foi a partir do encontro contra o Boiro, moi complicado, aínda que tivemos ocasións para gañalo. Logo viaxamos aos campos do Alondras e Choco. Son difíciles, nunca é sinxelo gañar alí. Agora estamos collendo a mesma dinámica positiva que no comezo da liga. Esperamos seguir así, aínda que temos encontros duros por diante.

-¿Cales serían?

-Tócanos visitar ao Laracha, que teñen un campo sintético moi pequeno. Logo visítanos o Compostela, Arosa. Un mes despois recibimos ao Ferrol e viaxamos a Somozas. Tócanos todo o forte seguido.

-Está facendo unha tempada para enmarcar. ¿A que o achaca?

-A verdade é que síntome con moita confianza, tanto por parte da directiva coma do adestrador. Penso que estou respondendo ben, por iso estou xogando.

-Xogou en múltiples posicións.

-Empecei a pretempada de mediapunta, logo fun cara o medio. Ca lesión de Agulló acabei de central. Creo que o fixen ben, porque seguín xogando aí. Cando temos baixas hai que aportar onde sexa necesario.

-Ser versátil suma moito, ¿pero cal é a súa posición favorita?

-Sempre que xogue, dáme igual que sexa nun lado ou en outro, pero os que me coñecen saben que prefiro o medio centro.

-Xogou no seu momento no Boiro. ¿Como ve ao único equipo barbancés de Terceira?

-Teño falado con Cardeñosa e, polo que vexo e escoito, trátase dun bloque con xente moza, sen moita experiencia en Terceira. Na primeira volta sumaron bastante puntos contra rivais complicados. Agora a cousa está máis apertada porque os de abaixo tamén gañan. Sempre que vaian sumando é bo, como fixeron contra o Ribadumia. Gustaríame que se mantivera. Para a comarca é importante ter un conxunto neste nivel.

-A vostede tócalle pelexar polo ascenso. ¿Está preparado?

-Temos un equipo que nunha eliminatoria pode ser moi rochoso. Nos encontros importantes, cando nos poñen contra as cordas é cando mellor respondemos. O certo é que nunca tiven a sorte de estar nun vestiario con xente tan boa e con tanta experiencia.