Un dos nosos

Estevo Silva Piñeiro SOSPECHOSO HABITUAL

BOIRO

04 feb 2019 . Actualizado a las 10:59 h.

En certa ocasión, Franklin Delano Roosevelt, 32° presidente dos EE.?UU., comentou sobre o ditador nicaragüense Somoza: «Pode que sexa un fillo de puta, pero é o noso fillo de puta». Tantos anos despois, os norteamericanos seguen a ser o mesmo matón de patio de colexio, capaces de converter un golpe de estado nunha liberación para despois poñer aí ao seu títere de quenda e encher o depósito de fuel. Pero permítanme extrapolar esta malsoante e célebre cita ao noso país (sen o apelativo despectivo, que aínda controlo) falando sobre o presidente da Xunta.

Ben saben que non son fan de Núñez Feijoo, se é vostede lector deste espazo non me vai descubrir hoxe. Estou en profundo desacordo coas súas políticas privatizadoras. Detesto o que está a facer co Sergas namentres bota balóns fóra; rexeito a súa política forestal. Máis do mesmo me acontece coa súa preferencia polas escolas privadas e concertadas.

Pero, por primeira vez, hoxe quero loar do presidente da Xunta o enfrontamento directo, interesado ou non, que está a ter co gurú do ultranacionalismo español Santi Abascal. Este señor, esta semana chegou a catalogar a Feijoo como nacionalista galego. Ante tamaña bobada, o presidente galego respondeu: «Iso non o cree nin el», cousa coa que estou de acordo.

Isto me conduce a un tema do que teño falado noutras columnas: aínda que non o queiran recoñecer, Galicia, como cantaban Os Resentidos, é un sitio distinto. Unha terra diferente, onde un tipo como Abascal non sabe por onde camiña e non tardará en picarlle unha faneca brava.

Feijoo será un neoliberal, pero é o noso neoliberal.