Luis Ourille: «Na elite tes que sacrificar moito»

Álvaro Sevilla Gómez
Álvaro Sevilla RIBEIRA / LA VOZ

BOIRO

MARCOS CREO

Logo de moitos anos de intenso traballo, busca manter aos dous equipos sénior na División de Honra

25 ene 2019 . Actualizado a las 10:45 h.

Luis Ourille (Boiro, 1988) comezou como adestrador aos 16 anos. Apaixonado do piragüismo dende neno, polas súas mans pasaron ducias rapaces cheos de talento, que cicelou con esmero, buscando que deran o mellor deles. Recoñece que o deporte de elite é un mundo complicado, que esixe unha dedicación exclusiva. Para el, o primeiro son as persoas e o camiño que queiran seguir. «Isto é unha afección. O primeiro é o futuro de cada rapaz», confesa o boirense.

-Están traballando na nova tempada. ¿Que metas perseguen?

-Estamos moi enfocados nos dous equipos sénior, tanto no feminino como no masculino. Queremos manter a categoría, a División de Honra, que é a máis alta de España. No referente á base, traballamos na canteira, que os rapaces segan medrando e que, nun futuro, poidan dar o salto.

-Custou chegar á División de Honra. Entendo que aguantala non será unha tarefa fácil.

-O equipo masculino xa estaba, pero o feminino alcanzouna o pasado curso, logo de tres ascensos consecutivos. Estamos moi contentos, pero será unha tempada moi dura. Hai moitísimo nivel, os clubs rivais están dotados de deportistas de alto rendemento.

-¿Con cantos competidores do máis alto nivel contan?

-No masculino son 12 deportistas. Fóronse incorporando rapaces da base. No feminino temos oito. Algunha está mirando se seguir ou non, para ver se pode compaxinar deporte e estudos.

-¿Algún nome propio entre eles?

-A nosa fortaleza será o equipo, sen individualizar. Coas embarcacións primase o traballo colectivo, o esforzo de todos é o que máis suma.

-Adri Mosquera é un dos referentes do Rías Baixas. ¿Que metas ten para el?

-O seu obxectivo é clasificarse para o Campionato do Mundo, que se celebrará en agosto en Hungría. Unha vez alí terá que superar ao seu compañeiro de selección para poder ter opcións de chegar a Tokio. Iso xa son palabras maiores, nas últimas citas aínda está a dous segundos do seu rival. Adri está loitando, segue mellorando moito, pero os que están canda el tamén.

-¿Que tal foi a pretempada?

-Este ano moi ben. Estamos traballando cos dous equipos sénior xuntos. Adestrando con exercicios anaeróbicos de distancias cortas, que son as olímpicas. Estivemos moito no río, en Cesures, porque no mar é máis complicado adestrar.

-¿Cantas fichas teñen este ano? No 2018 tiveron que facer unha criba por falta de espazo.

-Éramos 130 e pasamos a 90. As instalacións réstanos, non podemos traballar con tanta xente porque non cabe. Entre o material, o ximnasio e os vestiarios... O que intentamos é contrarrestalo nas escolas deportivas de verán, que é cando intentaremos coller unha boa remesa de nenos.

-¿Que obxectivos persegue o Rías Baixas como entidade?

-A nosa filosofía é a de formar rapaces. Creo que está saíndo ben. Todos os membros dos conxuntos absolutos veñen das categorías base. Pouco a pouco os rapaces perciben que o seu esforzo ten unha recompensa.

-Entendo que debe ser complicado xestionar un club no que moitos rapaces deixan de competir ao marchar a estudar.

-É un problema que temos asumido. Os rapaces medran e planifican como mellor lles convén as súas vidas. Isto é unha afección, e tes que facelo porque che gusta. Na elite tes que sacrificar moito e non todos queren facelo. Aquí non pretendemos que todos sexan deportistas de alto nivel. Se son capaces de estudar e compaxinar co deporte pois perfecto. Se teñen que aparcar a pala durante uns anos non hai problema, ninguén está obrigado a facer o que non quere.

-Moitos adestradores non pensan da mesma maneira.

-O piragüismo esixe moito traballo físico. Adestras seis horas ao día para saír adiante. Logo debes acudir ás concentracións en Asturias, Madrid, Sevilla... Súmalle os mundiais, con todos os desprazamentos. Se queres facer unha carreira impídeche estudar nun lugar fixo. Se consideras que o teu futuro é outro non podes manterte no máximo nivel. Levo visto de todo e unha lesión ou unha mala decisión técnica déixache de lado. Por iso creo que non podes deixar de planificar o teu futuro.