Andrés Domingo Vila: «As comunidades están sentenciadas a desaparecer por falta de relevo»

Ana Gerpe Varela
A. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

BOIRO

CARMELA QUEIJEIRO

O dirixente aposta por un cambio de rumbo nas políticas de xestión do terreo forestal para evitar que se abandone

20 ene 2019 . Actualizado a las 13:10 h.

A defensa dun medio rural vivo levou a Andrés Domingo Vila Noal (Boiro, 1977) a asumir, nos últimos anos, diversos cargos de responsabilidade para contribuír á súa mellora. Dende o 2012 está ao fronte da comunidade de montes de Montañó, Montaña, Piñeiro e Escobias e, hai uns meses, foi elixido presidente da Mancomunidade de Montes Serra do Barbanza. Explica que o anterior dirixente, Santiago Suárez, foi un dos que apostou para que tomase o relevo: «Non queríamos que el marchara, pero deixou de presidir a súa comunidade».

-Tanto vostede como a vicepresidenta, Lorena Muñiz, son moi novos, ¿iníciase unha nova etapa na entidade?

-Pode dicirse que si. O propósito é a incorporación de todas as comunidades do Barbanza. Así poderemos apoiarnos e facer máis forza en beneficio do monte. Iso sería o ideal, aínda que somos conscientes da dificultade. Neste momento hai dez entidades adheridas.

-¿Cal é a súa análise da situación dos terreos forestais?

-Fanse políticas que parecen encamiñadas á privatización do monte para que as empresas se queden con todo, como se se buscase que a xente o abandonase. Existen moitos intereses madeireiros. É incrible que se lle dea tanta manga ancha ao eucalipto. Por outra banda, as comunidades deben investir o 100 % se arde o monte, pero as empresas non.

-¿Comparte a opinión de que o monte está desamparado?

-Agora é un deserto, está cheo de pedras. Eu recordo cando era un rapaz, subía ao alto da Portela e había árbores por todo. Agora está arruinado. A miña visión é pesimista pola situación de despoboamento que se produce no ámbito rural. As comunidades están sentenciadas a desaparecer por falta de relevo, non haberá quen as leve e todo acabará en mans privadas. Podo poñer como exemplo a miña aldea, Montañó, somos unha ducia de casas e só hai un rapaz. A situación é igual noutros lugares. ¿Quen se vai facer cargo das entidades dentro de vinte anos?

-A perda de poboación é un problema global, ¿pero non ve posible que a superficie arborada sexa fonte de riqueza?

-Claro que si, pero hai que xestionala axeitadamente e asesorar á xente para que saiba cal é a mellor especie para plantar en cada terreo, porque non todas son iguais. Son necesarios plans de ordenación nos que se primen as especies autóctonas. Eliminar o eucalipto é case imposible, porque onde arde volve nacer e cortas unha hectárea e rebrota. Favoreceuse a plantación de especies de rápido crecemento, o que vai en detrimento do monte.

-¿Pensa que a normativa de loita contra o lume que obriga ao establecemento de franxas de seguridade está a favorecer que moitos propietarios aproveiten para talar todo?

-Eu non vexo mal o establecemento da franxa de seguridade nas estradas, pero considero que son demasiados metros, que se fixo de forma descontrolada e abusiva. Hai comunidades de montes que están en desacordo coa medida e penso que hai moita xente que está aproveitando a normativa para deixar o monte pelado. A xente ve o monte como un problema. Non os maiores, pero si os máis novos. Para as comunidades tamén implica importantes gastos e o apoio da Administración é mínimo.

-Os incendios son unha das grandes lacras.

-Nos terreos da nosa comunidade son unha praga cada ano e o mesmo acontece no resto da bisbarra. O feito de que se produzan é unha suma de elementos que conflúen con intereses dispares, e tamén hai persoas con algunha afección que lles induce a prender lume. Os incendios non van desaparecer e o monte vai quedar cada vez máis abandonado. A súa explotación non se percibe como unha oportunidade.

«Os animais fan falla no monte porque aportan un beneficio»

Os gandeiros da bisbarra deron a voz de alarma porque afirman que hai unha elevada presenza de lobos que matan as crías das súas reses. O colectivo solicitou o apoio da Mancomunidade de Montes Serra do Barbanza, que se puxo ao seu carón.

-¿Tiñan coñecemento do problema que estaba a darse cos lobos na serra?

-Non sabíamos que era un problema desa magnitude ata que eles nolo transmitiron. Os gandeiros vense desamparados porque afirman que hai unha gran cantidade de lobos que están a ocasionarlles cuantiosas perdas. Reclamaron o noso apoio para facer presión ante as Administracións na busca de solucións e decidimos darllo.

-¿Cal é a valoración da entidade que preside?

-Ten que existir un equilibrio, non pode haber unha cantidade excesiva de depredadores. Unha cousa que chama a atención é que os gandeiros din que estes son mansos, que non teñen medo da xente. O axeitado sería que a Administración levase a cabo un estudo para determinar que poboación hai e adoptar as medidas máis axeitadas. Unha representación foi falar coa directora xeral de Conservación da Natureza e indicoulles que teñen que poñer denuncias das baixas causadas. Dende a mancomunidade instámoslles a que as presenten cando teñan perdas.

-¿Logrouse a paz entre comuneiros e gandeiros na serra?

-Cada comunidade é un mundo. Algunhas acadaron acordos, pero noutros casos é imposible. Serra do Barbanza aposta por un monte sostible no que convivan os usos forestais e gandeiros. Os animais fan falla no monte porque aportan un beneficio.

-¿Que pode aportar á reactivación dos terreos forestais á mancomunidade?

-A unión é moi importante para conseguir cousas e ter maior capacidade de presión. Hai que reactivar as zonas rurais, que se ven ameazadas porque non hai xente moza que viva nelas. As Administracións deben potencialas dotándoas de servizos e de infraestruturas.