Viaxe a unha infancia de escravitude

Con seis anos este autor de orixe muxián empezou a traballar como criado, coidando o gando no monte. Fala Cándido López Lorenzo


ribeira / la voz

Non é un escritor, el mesmo se empeña en aclarar este punto, pero vén de publicar un libro. No volume, titulado Lágrimas en silencio, Cándido López Lorenzo narra o episodio máis tráxico da súa vida. Viaxa no tempo ata a súa infancia, que transcorreu en diversas aldeas da contorna da cidade compostelá, para expoñer como foi desprezado e maltratado polas familias para as que traballou como criado. Custoulle sacar á luz esta parte da súa historia. Fíxoo con 70 anos cumpridos, pero non se arrepinte, ao contrario: «Sinto certo alivio, xa que era algo que levei sempre dentro».

As duras vivencias da infancia asaltaban practicamente a diario a cabeza de Cándido López, pero non foi ata que se xubilou cando decidiu sacalas para fóra dunha vez por todas. «Nunca pensara en escribir un libro, xa que non posúo esa capacidade», recoñece. Pero, cando gozou de tempo libre suficiente para analizar con calma a situación, animouse a contar o seu pasado. Aliouse cun especialista no eido da literatura: Clodio González Pérez, coordinador da editorial Toxosoutos, que foi o encargado de darlle forma escrita a unha extensa e detallada gravación de voz do protagonista de Lágrimas en silencio: «El respectou por completo as miñas palabras».

Esa gravación, que agora está a disposición dos lectores en formato libro, comeza cando Cándido López tiña uns dous anos e medio: «É da etapa da que gardo os primeiros recordos». Pero a verdadeira historia arranca no 1953, cando o protagonista contaba con seis anos. Aínda que el nacera en Muxía, daquela residía en Santiago, a onde se trasladara a súa nai despois de que o pai emigrara a Arxentina. Foi con esa idade cando comezou un drama que se prolongou ao longo de case unha década: «De todo ese tempo, case non sabería dicir cal foi a parte peor e cal a mellor, porque foi todo terrible».

Illamento absoluto

Cándido López, quen desde hai anos reside no municipio de Boiro, a onde pertencía a familia da súa nai, exerceu de criado en diferentes casas, nas que foi obrigado a realizar todo tipo de tarefas: «Por contar unha, tiña que ir ao monte co gando e, ao mellor, o primeiro mes acompañábame alguén da casa, pero despois ía só. Pasaba horas e horas no medio dos toxos». Lembra que, coma un neno que era, perdía a noción do tempo e, en máis dunha ocasión, chegaba demasiado cedo á casa e tiña que marchar de volta para o monte: «Ás veces regresaba a última hora da tarde, sen comer nada en todo o día». Vivía afastado do resto da xente, sen relacionarse con ninguén: «Nin sequera tiña permitido falar cos nenos».

A situación de Cándido López mellorou un pouco coa última familia que lle tocou: «Traballei moito, porque xa era un mozo, pero era respectado e apreciado». Pero a súa liberación chegou cando tiña 16 anos e marchou para Asturias: «Podería dicirse que aí acabou a miña infancia, pois deixo de ser criado e comezo a vida de emigrante». Por se ese calvario que lle tocou vivir fose pouco, o muxián lembra o desprezo que tamén sufriu por parte da súa familia, outro triste capítulo da súa historia persoal que tamén detalla no libro.

Liberarse de tremendos recordos e remover conciencias son os obxectivos que Cándido López persegue con esta publicación: «Non quero que a xente me teña compaixón, porque esta historia xa a vivín hai moitos anos, pero si quero que as persoas que o lean vexan o mundo de forma diferente e, sobre todo, que ningún neno pase o que eu sufrín». Aínda que lle custou moito tomar a decisión de plasmar nun volume o seu pasado, agora está satisfeito de ter dado o paso. Conta tamén co apoio da xente do seu redor que xa tivo ocasión de ler o libro: «Todos me din o mesmo, que tiven unha infancia terrible e que nunca se imaxinaron que podería ter pasado por todo iso». É que, ata agora, Cándido López agochara esas duras lembranzas.

O libro.

Lágrimas en silencio é un volume de 123 páxinas que foi editado por Toxosoutos. O coordinador desta editorial, Clodio González, foi o encargado de transcribir a historia que Cándido López, que naceu en Muxía, recolleu en forma de gravación de voz.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Tags
Comentarios

Viaxe a unha infancia de escravitude