Eugenia Campaña: Boiro perdeu a unha das súas avoas, unha centenaria brava, xenerosa e amorosa cos seus

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

BOIRO

CARMELA QUEIJEIRO

A veciña de Abanqueiro faleceu aos 102 anos de idade

24 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando unha persoa se atopa ás portas de soprar as 103 velas, todos ao seu redor asumen que en calquera momento pode chegar o adeus definitivo, pero iso non resta dor a unha perda como a que sufriu a familia de Eugenia Campaña García. Na súa parroquia, Abanqueiro, era ben coñecida, e aos seus 102 anos era unha das avoas de Boiro.

A súa non foi unha vida fácil, para case ninguén da súa xeración o foi, pero para unha nai solteira nos anos 40, orfa de nai e ao coidado dun pai que perdera unha perna, saír adiante supuxo moito traballo e un gran esforzo que fixo dela unha muller brava. Serviu nas casas das familias ricas da contorna, cultivou as leiras, traballou man a man con Concha nos inicios do restaurante Chicolino e criou aos seus tres netos.

Todo isto fixo dela unha muller dura, pero tamén gozaba da vida. Á súa idade, gustáballe que a sacaran a pasear e tomar un café. Era xenerosa, capaz de renunciar ao que lle correspondía para darllo aos demais, e amorosa cos seus. Por iso todos sentiron tanto a súa perda.