Eugenio Silva: «Incorporamos cada ano novidades para animar aos veciños»

BOIRO

CARMELA QUEIJEIRO

O voceiro da comisión destaca a colaboración de cidadáns, empresas e concello

07 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende hai catro anos, Eugenio Silva Torrado forma parte da comisión organizadora das festas patronais de Santa Baia de Boiro. Afirma que el é un máis, aínda que exerce as funcións de voceiro e representante, e rexeita que se lle denomine co cargo de presidente porque asegura que son un equipo no que todos traballan por igual. Sete persoas integran o grupo que fai posible que estas celebracións, pese a ter lugar en inverno, adquiran maior protagonismo en cada edición.

-¿Como é a implicación veciñal nestas festas?

-Cando imos pedir polas casas ou ás empresas, a xente responde moi ben, por iso continuamos encargándonos da organización, vemos que existe implicación por parte dos veciños e iso anima a seguir. Resulta complicado porque é no inverno, hai mal tempo e faise de noite máis cedo, pero buscamos alternativas. Dende a comisión procuramos concentrar a maior parte das actividades na fin de semana, porque é cando aos cidadáns lles resulta máis doado asistir á verbena e participar noutros actos, como o serán musical, ou a degustación. Buscamos favorecer a afluencia dos veciños en todo o que levamos a cabo. Xogamos tamén un pouco cos festivos, como o da Inmaculada. O día dedicado a Santa Lucía, que é o último, ten moita tradición.

-Para facer fronte ás inclemencias do tempo tamén contratan unha carpa.

-Facémolo para poder ter aí as actuacións musicais e a degustación. Ao mesmo tempo, poñemos o inicio das verbenas máis cedo, empezan ás oito e media, para que a xente se anime a vir. O que pretendemos é que haxa ambiente festivo na vila, a parte dos oficios relixiosos que se levan a cabo. Se contáramos con máis orzamento, gustaríanos traer dúas orquestras cada día e que a música se alongara ata as dúas da madrugada.

-¿Considera que a celebración foise revitalizando?

-Incorporamos cada ano novidades para incentivar aos veciños. Por exemplo, na pasada edición comezamos coa degustación de callos e este ano haberá tamén unha charanga. Son ás mesmas festas, pero con diferenzas. A pretensión é crear ese ambiente de festa e a verdade é que si que se nota. Os membros da comisión pensamos que os cartos que se xuntan deben ir destinados a que os cidadáns gocen, que estas sexan unhas xornadas distintas.

-¿Que fan para conseguir xuntar os fondos necesarios?

-Ademais de pedir a colaboración de empresas e veciños, vendemos lotería de Nadal. Contamos tamén coa contribución económica do Concello, que ten moi boa disposición con nós e está sempre moi disposto a cooperar en todo.

-Este ano hai de novo degustación de callos, as citas gastronómicas sempre son un aliciente.

-A verdade é que si. Os membros da comisión xa vendemos por anticipado os tiques das racións. Ata o momento xa levamos vendidos máis de 150. Este ano, ademais, a empresa encargada da elaboración dos callos tamén poñerá á venda na carpa polbo, churrasco e empanada. Con iso tamén haberá máis oferta para os asistentes. A degustación comezará cedo, cara ás once da mañá. O obxectivo é que os veciños coman na carpa e que despois xa se queden para o serán tradicional, que empezará ás catro. Nesta ocasión temos un elemento engadido, que é o da charanga, ademais dos inchables para os cativos.

-As normas para organización de festas cambiaron coa nova lei de espectáculos, ¿supuxo iso algún problema?

-É certo que hai máis requisitos, pero tampouco tivemos ningunha complicación á hora de preparar a celebración. Eu anteriormente estiven noutra comisión e a verdade é que non había que presentar tanta documentación. Aínda que debemos facer a declaración responsable, nós pedímoslles a cada un dos contratamos os papeis correspondentes. Ás orquestras, aos que instalan o parque infantil. Cada un sabe a documentación que debe aportar, e nese sentido nós podemos dicir que non tivemos ningunha dificultade.

Silva Torrado destaca a colaboración de cidadáns, empresas e Concello. FOTO carmela queijeiro