Mónica Vigo: Moda aderezada con versos femininos

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BOIRO

cedida

A boirense engalanou prendas da súa primeira colección con verbas de tres poetisas

17 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

É difícil abrirse paso no mundo creativo desde pequenas localidades como as barbancesas, pero hai quen, coma Mónica Vigo, proba sorte fóra para logo decatarse que o comezo do camiño estaba a carón da casa. Ela formouse nos eidos do deseño de moda e a confección en Santiago e Ordes, pero incapaz de atopar unha vía para darlle saída á creatividade que levaba dentro probou en diferentes disciplinas coma o deseño de mobles, a arquitectura italiana e francesa, e mesmo o deseño gráfico. Pechou o círculo onde o comezou a debuxar, na súa terra de Boiro, e regresando ao mundo da moda. Agora vén de sacar á luz a súa primeira colección de alta costura.

Asegura que ao longo dese proceso, chegou a bloquearse por completo antes de atopar a senda correcta: «O máis habitual é que a formación estea enfocada cara unha confección en serie, para sacar unha produción, pero eu non estaba buscando iso». Despois de anos de busca, atopou nunha academia de Boiro a posibilidade de aplicar á moda a súa creatividade: «Ata conseguín ter uns patróns que sentaran realmente ben, xa que cos da confección industrial elabóranse prendas que non son para nada cómodas, e iso que estudei diferentes sistemas de patronaxe».

Cun fervedoiro de ideas na cabeza desexando saír e uns patróns enriba da mesa, Mónica Vigo empezou a darlle forma á súa primeira colección de moda. Tiña claras as premisas: «Quería que fora alta costura, pero accesible para todos, que non se cinguira só a persoas cun alto poder adquisitivo». Iso si, conservando esa esencia de exclusividade, pois a boirense só comercializa dúas tallas por prenda para evitar desagradables coincidencias, e coidando as materias primas, que son todas nacionais.

Pero o que destaca nesta primeira serie de deseños da boirense é a súa fonte de inspiración, pois foron escritoras galegas: «Quixen darlle voz ás mulleres que agora estamos en plena loita de empoderamento». Colleu a tres autoras destacadas e amigas súas: Isabel Blanco Rivas, Silvia Penas e Iria Collazo; confeccionou outras tantas prendas inspirándose nelas e aderezounas con versos escritos para a ocasión.

As fontes de inspiración

«Isabel Blanco, que desprende tanta forza e tanto carisma, inspiroume un abrigo e decidín incluír a súa frase no forro, que para min ten tanta importancia coma o exterior da prenda», explica a deseñadora. Seguiu con Iria Collazo: «Ela é todo dozura e delicadeza, así que fixen na súa honra unha blusa branca con vivos vermellos, na que bordei as súas verbas As túas mans vestíronme de estrelas para descubrirte». E concluíu con Silvia Penas: «Ela é provocadora e contemporánea, así que lle dediquei unha prenda moi arriscada, un vestido de dúas pezas con sobrefalda». Desta prenda, que é a máis rompedora da colección, vai saír un único exemplar.

Por singular que poida parecer nun primeiro momento esta alianza entre a moda e a poesía, a boirense explica que as artes sempre estiveron moi presentes na súa vida. Tanto é así que xa está pensando na que será a súa segunda colección, que verá a luz de cara á tempada de primavera e verán. Ten claro que xirará ao redor doutra disciplina creativa: a música. «Quero que a cultura sexa parte fundamental dos meus deseños», asegura. Ese proxecto que está no forno completarase cun vídeo divulgativo: «A banda sonora é un mambo dos anos 50 e precisamente por aí van os tiros da colección».

Ademais de crear e confeccionar as súas prendas, Mónica Vigo tamén transmite os seus coñecementos. Desde hai un par de anos, cada martes reúnese coas súas fieis alumnas no centro social de Boiro: «Son clases de costura creativa, onde se aprende un pouco de todo. Para algunhas constitúe unha maneira de rachar coa rutina da vida diaria».