Nacho Dieste: «Dende o primeiro partido, traballamos un fútbol colectivo, de toque e posesión»

a. parada RIBEIRA / LA VOZ

BOIRO

MARCOS CREO

O adestrador do Xuventú Aguiño femenino analizou o estilo de xogo colectivo co que queren marcar a diferenza

07 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Este é o primeiro curso do técnico Nacho Dieste (A Pobra, 1984) ás rendas do Xuventú Aguiño feminino, que ocupa a terceira praza de Segunda Galicia. Dieste, que no pasado destacou adestrando a conxuntos como o Crocha e o Boiro, analizou o estilo de xogo colectivo co que queren marcar a diferenza.

-¿Cal é o resumo deste inicio da tempada para o Aguiño?

-Gañamos sete partidos e perdemos un en Muros. Estamos xogando ben ao fútbol, con presión de balón, non hai patadón, pero temos que seguir avanzando e progresando pouco a pouco.

-¿Que metas se marcaron?

-Queremos xogar ben, porque o vital é ser vistosos para o público. Estar arriba e ascender é importante, pero temos que amosarlle ao espectador que somos capaces de combinarnos entre nós. Así, ao final de tempada veranse os logros colectados.

-¿Como definiría o potencial do conxunto que dirixe?

-Trátase dunha mestura entre a veteranía e a xuventude. A base do equipo son persoas que levan moito tempo, pero despois contamos con rapazas que aportan o seu necesario grao de area. Hai equipos moi mozos que non teñen esa pausa e ese control que da a experiencia. Por exemplo, Alitas pode que sexa a mellor xogadora da liga, xunto con Mon e Carmen que aportan moitísimo.

-¿A quen hai que temer?

-O Chispa é o máis forte, gañaron todo. Tamén imos empatados a puntos con As Miúdas, pero superáronnos en Muros.

-¿Está a ser o arranque de liga que se esperaba?

-O ano pasado vira un encontro delas e sabía que había potencial. Estou contento coa actitude e co xogo, van asimilando conceptos e tácticas. Dende o primeiro partido, traballamos un fútbol colectivo, de toque e posesión. Queremos un equipo compacto, no que subimos todas e baixamos todas, con variacións de xogo en curto e en largo, sen deixar o peso a unha soa persoa.