Manel Patiño: «Queremos chegar o antes posible aos 40 puntos»

O técnico do Abanqueiro valora os obxectivos da vixente campaña


RIBEIRA / LA VOZ

Manel Patiño (Boiro, 1982) fala con paixón do deporte rei. Logo de tres campañas no Araño, co que conquistou o ascenso a Segunda Galicia, fichou polo Abanqueiro para intentar salvalo. Conseguiuno, aínda que con sufrimento. É por iso que agora quere dar un paso adiante na categoría e evitar pantasmas pasadas.

-A meta é a permanencia?

-Queremos chegar o antes posible aos 40 puntos. Creo que hai equipo para facelo.

-Non quere que se repita o acontecido o pasado curso.

-Traballamos para iso. Fixemos cambios no vestiario. Busquei que máis que un equipo sexamos un conxunto de amigos que queira divertirse con este deporte. O máis importante é que non haxa mal ambiente. Por desgraza o ano pasado non foi así.

-Bo comezo, arrancaron con dúas vitorias consecutivas.

-Isto dá moita moral, o primeiro encontro sabiamos que podiamos disputalo, pero a vitoria do domingo contra o Carcacía, con sete baixas, foi unha sorpresa. O equipo non o notou, a pesar de que faltaban cinco que xa foran titulares. É moi importante que todos os xogadores cumpran cando o adestrador os precise.

-Cal é a parte máis complicada para un técnico?

-Intentar que todos estean contentos. É case imposible, pero véxoo fundamental. De pouco vale chegar coa carpeta, ensinar tarefas tácticas se a xente non quere escoitar. Moitas veces hai que poñerse no sitio dos xogadores, eu fun un deles durante anos e intento facelo para transmitirlles o que quero ver no campo.

-Cal é a súa proposta?

-Cambiei moito a idea de xogar. No Araño era de tocar máis, pero en Segunda Galicia xa non podes arriscar tanto en campo propio. Agora queremos xogar máis directo e sufrir pouco defensivamente. Saímos con tres defensas atrás para ter moita xente en campo contrario. Por agora está funcionado, pero para iso hai que apertar arriba, obrigar a que xoguen en longo e ir ao segundo balón. Facemos marcaxe ao home. É arriscado, pero a intensidade dos teus xogadores sempre é maior que se teñen axudas.

-Conta con algún xogador que considere determinante?

-Teño moitos, para min todos son importantes. Estou moi contento co equipo, penso que é mellor que o ano pasado. A xente está moi involucrada.

-Competirán todo o ano en Vista Alegre. Como o valora?

-A nós favorécenos. Son unhas instalacións moi boas, tanto na cuestión da luz, vestiario, céspede... Temos sorte de poder adestrar e xogar aí.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Tags
Comentarios

Manel Patiño: «Queremos chegar o antes posible aos 40 puntos»