Joaquín Riveiro: Con el naceu unha cita multitudinaria

María Xosé Blanco Giráldez
M. X. Blanco RIBEIRA / LA VOZ

BOIRO

CARMELA QUEIJEIRO

Empurrou aos seus amigos, hai 11 anos, a acudir á praza de Galicia ataviados con camisetas para gozar dunha sesión de música. Así comezou o Día das Peñas

29 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«Déixome lear con bastante facilidade». Esta virtude, sumada ás súas ansias de relacionarse cos seus iguais, levaron a Joaquín Riveiro a situarse á fronte da Asociación de Peñas de Boiro, unha entidade que nace coa responsabilidade de darlle continuidade a unha cita que, con pouco máis dunha década de vida, conseguiu converterse nun dos pratos fortes das festas da localidade, atraendo en cada edición a miles de persoas. Poñer orde nesta aglomeración de xente, tratando de evitar que quede convertida nun macrobotellón, é o gran reto que se marca o que foi o impulsor do Día das Peñas.

O primeiro capítulo desta historia comezou a escribirse hai 11 anos. Quin Riveiro formaba parte dunha cuadrilla de 30 amigos, bautizada coma Os Luns ao Sol, que acudían ataviados con singulares camisetas á Dorna ribeirense e á Guadalupe de Rianxo. El propuxo ampliar o radio de acción: «Díxenlle aos colegas que, así como iamos a outros lugares, podiamos reunirnos en Boiro coincidindo coas festas». E presentáronse a golpe de luns na praza de Galicia, coa música a todo volume e algún refrixerio para combater a calor.

Seguro que máis dun mirou para este grupo pensando que se trataba duns mozos aloucados. O certo é que nin eles mesmos eran conscientes de que estaban poñendo os alicerces dunha cita multitudinaria: «Non se nos pasaba pola cabeza. Supoño que todos, no noso día a día, contribuímos a escribir a historia, incluso os capítulos máis destacados».

Aínda que Joaquín Riveiro e os seus compañeiros de aventuras seguiron acudindo puntuais á cita das peñas, el cedeulle a responsabilidade organizativa ás novas xeracións ata que, hai poucas semanas, requiriron de novo a súa axuda: «Finalizaba unha etapa e corríase o risco de que a cita acabara sendo unha concentración anárquica e derivara nun gran botellón, así que decidín botarlle unha man a un grupo de rapaces que veñen con moitas gañas de traballar e cos que me río un montón».

Ansias revolucionarias

Joaquín Riveiro regresa ademais con ansias revolucionarias: «Non quero estar moito tempo, pero si que quero aproveitar para poñer orde, separando as actividades dos adultos das dos pequenos, para garantir a seguridade; promovendo a limpeza e o respecto entre os xéneros; e, se é posible, ampliando as actividades da entidade máis alá das festas de verán». Non quere que esta xornada lúdica sexa vista como unha escusa para consumir alcol: «Bébese, si, pero como en calquera festa que concentra a un número importante de persoas. Pero no noso caso, Os Luns ao Sol levamos a cabo pola tarde unha sesión de música de pachangha, na que aproveitamos para cantar, bailar e rirnos de nós mesmos».

Seguir gozando desta festa que naceu dun encontro de amigos é o reto a curto prazo deste boirense: «Quero que o meu paso pola dirección desta entidade sexa curto, que dentro de pouco haxa relevo». Os seus plans inmediatos están na Festa das Peñas, pero recoñece que é unha persoa sempre disposta a achegar o seu grao de area á causa social. De feito, pasou por un feixe de entidades, desde as ANPA de colexios e institutos ata a presidencia da Cruz Vermella ou o club de fútbol de Abanqueiro, que el mesmo fundo. Ata foi concelleiro e tenente de alcalde: «Fixen moi bos amigos naquela época e aínda conservo algúns, foi o mellor, xa que a parte política non me gustou nada».

Joaquín Riveiro asegura que é unha desas persoas incapaz de vivir afastado do mundo que o rodea: «O ser humano ten sentido se é capaz de ter unha relación fluída cos seus semellantes. O día que non sexa capaz de seguir facendo isto significará que xa non estou aquí, porque a vida é moi vida é moi curta para desperdiciala».