Marcelino Silva: Un puntal para os veciños de Boiro

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BOIRO

CARMELA QUEIJEIRO

Di que o seu papel é o de transmitir reivindicacións e lograr que sexan atendidas

26 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

As asociacións de veciños constitúen un dos máis claros exemplo de como a unión fai a forza. Reivindicacións que, de forma individual, seguro que non chegarían a bo porto, acaban sendo atendidas pola presión que exercen os colectivos. É o que pensa Marcelino Silva Torrado, por iso non foi quen de negarse a asumir o liderado de Río Breiro cando foi requirido para o posto. A Boliña, Aducil, Berres, Brión e Vista Alegre son os núcleos que están no radio de influencia dunha entidade que vén de cumprir unha década de vida.

Marcelino Silva, que se fixo coas rendas da entidade en xaneiro do ano pasado, asegura que o único obxectivo é defender os intereses dos veciños: «Antigamente, a asociación encargábase tamén da organización das festas, pero cando tivo lugar o cambio de directiva, os anteriores responsables quedáronse coa parte lúdica e contan sempre coa nosa colaboración». Transmitirlle ao goberno local as deficiencias que hai nos diferentes núcleos e insistir para que sexan arranxadas canto antes é o cometido principal deste presidente e dos seus colaboradores: «Insistimos sobre todo nos servizos básicos e noutras carencias que nos comunican os residentes».

Asegura que no tempo que leva á fronte da entidade son poucas as reivindicacións que recolleu: «O que hai pendente xa estaba enriba da mesa cando tivo lugar o cambio de directiva, polo que a nosa principal misión está a ser insistir para que esas cuestións se resolvan canto antes». El réstalle importancia ao feito de ser presidente, argumentando que forma parte dun grupo de amigos e veciños, aínda que recoñece con orgullo que o feito de que contaran con el para asumir o cargo sempre é motivo de orgullo: «No fondo, o importante é que a asociación siga viva, xa que hai máis dunha persoa que din que, de non ter existido, algunhas das obras que se fixeron na zona non se terían realizado. Non é o mesmo que ao Concello chegue a reclamación dun veciño que dun colectivo».

O obxectivo, axudar

Comprobar como esa lista de materias pendentes vai a menos e ver a satisfacción debuxada nos rostros dos seus veciños é para Marcelino Silva o gran premio ao traballo realizado. El sabe que formar parte dunha entidade sen ánimo de lucro supón moito esforzo, pero poucas recompensas. No pasado formou parte dun colectivo vinculado co fútbol sala e, desde hai un tempo, está na directiva da confraría do Cristo da Misericordia: «Apúntome cando me chaman e vexo que o proxecto me inspira confianza. Eu súmome a unha asociación para axudar, pero non para facer inimigos entre os meus veciños».

No caso de Río Breiro, está tremendamente satisfeito de ter aceptado o cargo de presidente. Primeiro, porque nunha asemblea recente, os veciños ratificaron a súa confianza nel e nos seus colaboradores. E segundo, porque día a día comproba que a xente se involucra cada vez máis nas actividades do barrio: «Aos cidadáns non se lles pode reprochar nada, pois achegan sempre o seu grao de area. Participan, tanto con traballo como con achegas económicas».

Marcelino Silva quere corresponderlles conseguindo que as súas demandas sexan atendidas. Sinala que non lle gustaría deixar a presidencia de Río Breiro sen ver feita a que para el é a gran necesidade da zona nestes intres: a ampliación da estrada que vai desde Berres ata o centro de saúde do Saltiño, que tam´ne debe ser dotada de saneamento. É unha reclamación que xa o seu antecesor situou enriba da mesa do alcalde de Boiro. El ten máis retos na mente: «A mellora da vía que une a avenida da Constitución con Abanqueiro, o asfaltado do núcleo de Brión, a construción de resaltes na zona de Vista Alegre e a instalación de puntos de luz no aparcamento do cemiterio».