Esteban Pérez e Paula Hermo: A parella que lle dá luz aos refugallos

Dedícanse á elaboración de velas e veñen de completar unha serie de pezas nas que incluíron residuos e algas que foron recollidos nas praias do litoral boirense

.

Ribeira / la voz

Redondas, cadradas, grandes, pequenas, con cores, con relevo... As velas que estes días se poden ver no centro social de Cabo de Cruz chaman a atención tanto polas súas formas como polos motivos que as decoran, pero mergullándose na historia que teñen detrás pode concluírse que o realmente destacable é o material co que están feitas. Os seus artífices, os artesáns Esteban Pérez e Paula Hermo, empregaron residuos que atoparon nas praias do litoral boirense, que mesturaron con cera para confeccionar estas pezas únicas. Ademais de ofrecer os seus produtos ao gran público, queren lanzar unha mensaxe vinculada co respecto cara o medio ambiente.

Esta parella hai xa un tempo que puxo en marcha en Boiro un obradoiro de artesanía, que leva o nome de O Recuncho de Gaia. Aínda que nun principio abranguían un abano máis amplo de pezas e mesmo importaban produtos de lugares afastados como a India, Nepal ou Perú, pouco a pouco fóronse decantando polo sendeiro das velas, ata que se converteu no único camiño a seguir. «Aos dous nos apaixona a artesanía e a natureza e aprendemos de forma autodidacta», sinala Estaban Pérez, quen engade que o único obxectivo que perseguen é a satisfacción persoal.

E foi este fin o que os levou a percorrer as praias de Boiro para recoller diversos materiais de refugallo como plásticos, vidros, redes e latas co obxectivo de darlles luz. «Queremos concienciar á poboación sobre o problema do lixo que se acumula na costa», comenta Pérez. Tamén estiveron recollendo algas que, arrastradas pola marea, acabaron morrendo sobre a area, para, despois de limpalas e deshidratalas, empregalas tamén no proceso de confección das súas creacións. O resultado do traballo realizado é un conxunto de velas ou, como din os seus artífices, de lámpadas de luz: «Todas teñen no interior un espazo que pode empregarse para colocar unha vela, pero tamén para lámpadas conectadas á corrente ou mesmo leds de colores que se acenden con mando a distancia. Incluso lles introducimos sal aromatizada no interior para que teñan a función de ambientadores naturais».

Pezas únicas

Esteban Pérez sostén que nesta colección, denominada Luz de refugallo, mestúranse as dúas afeccións que comparte a parella: «Elaborar velas de forma artesanal e promover o respecto cara a natureza». O proceso de creación destas pezas non foi doado, pois estes artesáns tiveron que realizar diversas probas para comprobar a reacción dos diferentes materiais de refugallo ao contacto coa cera. O resultado son produtos únicos: «Non repetimos nunca deseño e aí radica outra das complexidades desta colección, pois non hai dúas pezas que sexan iguais».

Eles son conscientes de que no mundo da artesanía, conseguir que o traballo realizado se traduza nunha compensación económica axeitada non é doado: «Elaborar unha destas velas pode levarnos unha tarde enteira e, ás veces, pasamos todo o día facendo probas e, ao final, non damos coa clave, polo que perdemos o tempo». Pero están dispostos a seguir loitando polo seu soño: «Conformámonos con pouco, con colocar as nosas pezas en algunhas tendas, para que vaian chegando ao público, e con seguir con este proxecto. Temos pensado, no futuro, ampliar a colección que neste intres está exposta en Cabo de Cruz», explica Esteban Pérez.

Incluso queren completar o seu proxecto cunha parte de carácter didáctico: «Cando nos chaman, impartimos charlas e obradoiros, tanto sobre a elaboración de velas como ao redor de outros temas vinculados ao medio ambiente. Queremos transmitir valores vinculados ao eido da educación ambiental».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Tags
Comentarios

Esteban Pérez e Paula Hermo: A parella que lle dá luz aos refugallos