Xaíño Méndez Froján: «Este será o circuíto máis fácil a nivel físico e o máis duro a nivel psicolóxico»

antón parada

BOIRO

MARCOS CREO

O noiés tomou o relevo de Xabier Boullón ao cargo da organización e deseño da andaina máis longa de Galicia

09 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A andaina máis longa de Galicia xa asoma na actual páxina do calendario, sen embargo, a quinta edición da 100 dos International Trekkers chega con varios cambios. O primeiro pasa polo relevo do seu director deportivo, pois Xaíño Méndez Froján (Noia, 1975) tomará o relevo de Xabier Boullón ao cargo da organización e deseño dun trazado que tamén estrea novidades, pero que mantén a esencia que fai que esta proba non deixe de medrar cada ano que pasa.

-En primeiro lugar, e para que o coñezan, ¿xa completou esta proba noutras ocasións?

-O certo é que non tiven a oportunidade, pois estou pendente de que me operen dunha lesión. Pero xa perdín a conta das andainas de 50 quilómetros que fixen e tamén rematei outro tipo de probas duras, como o Iron Man oito veces e levo moitos anos no mundo do triatlón.

-Pero vostede é un dos trekkers.

-Por suposto. Cando se empezou a formar a idea de crear esta andaina pareceume xenial e todos puxemos ilusión e arrimamos o ombro. Por exemplo, eu encargueime de marcar con luminarias os tramos nocturnos, pero nesta ocasión non será necesario porque contamos con reflectantes amarelos que se ven perfectamente. Ademais, toda a pintura azul e laranxa que empregamos para sinalizar é biodegradable. Cada vez tratamos de ser máis respectuosos co entorno.

-Xa adiantou cousas, pero ¿repetirán despregue tecnolóxico?

-Contaremos con un dron para a toma de imaxes aéreas e cada participante estará xeolocalizado en todo momento.

-¿Haberá máis novidades en canto aos recursos?

-Nesta ocasión contaremos con nove puntos de avituallamento ao que se engadirá un de leite Feiraco. O motivo é que se trata dun hidratante perfecto e as graxas son boas para realizar grandes esforzos. Aínda descoñecemos cal será o seu sitio definitivo, mais estará situado ao longo dos últimos 18 quilómetros.

-Falemos do trazado, ¿que destacaría vostede deste?

-Penso que este será o circuíto máis fácil a nivel físico e o máis duro a nivel psicolóxico. É certo que a paisaxe é moi bonita, pero tamén é moi similar. Dende o quilómetro 85 comezamos a baixar a balconada do Iroite e, ás veces, parece que o tempo se detén. Por outra parte, esta vai ser a primeira vez que saímos e volvemos dende o mesmo concello.

-¿Podería facernos un pequeno repaso do mellor da ruta?

-Non paramos de repetilo pero é certo, saímos polo mar e chegamos polo monte. Os primeiros 25 quilómetros, que van dende Porto do Son ata a capela de San Benito, serán totalmente lisos e iremos bordeando os areais. Dende o miradoiro pobrense de Valle-Inclán poderemos observar os estuarios das dúas rías, pero só os últimos subirán co solpor. Teremos a gran cea en Pazos para proseguir o tramo nocturno cara Ourille e bordear Castro Barbudo. Os últimos 18 quilómetros non terán nada de asfalto. Esa é sempre a nosa meta.

-¿Que recomendación lle daría a un camiñante que nunca fixera esta proba e quere animarse?

-Diríalles que os primeiros quilómetros son planos e enganosos. Tamén notamos que cando a xente come e bebe moito prodúcense máis abandonos. Trátase de facelo con cabeza.

-¿Baralla algún cambio para próximas edicións?

-A andaina contou cunha liña de traballo perfecta. ¿Para que cambiar algo que funciona ben?