A Cachada enarborou a cultura da terra

A. Parada RIBEIRA / LA VOZ

BOIRO

CARMELA QUEIJEIRO

A oitava edición da Romaría das Letras converteu o parque de Boiro nun fervedoiro de artesanía, literatura, baile e música galegas

18 may 2018 . Actualizado a las 13:29 h.

«Este acto é moi importante para Boiro e para o Día das Letras Galegas», esas palabras pertencen a Tucha Ferro, unha das integrantes do grupo Nunca é Tarde, que onte cumpriron o seu oitavo ano consecutivo acudindo á Romaría das Letras no Barbanza, o mesmo tempo que as edicións realizadas. Mais o certo é que nesta ocasión, a celebración que organiza a Asociación Barbantia tivo lugar no parque da Cachada e non nos arredores do pazo de Goiáns, actualmente en obras. Quizais non foi tan simbólico, pero a afluencia e a calidade dos espectáculos foi a mesma.

Os primeiros curiosos que ían chegando lanzábanse a observar as novas obras do artista rianxeiro Ché Tembra, que estreaba unha reivindicativa serie de pezas dedicada ás Trece Rosas. Ao seu carón, os visitantes non se perdían unha soa lección de Xaquín España, que acercou a exposición Mar de Boiro ata o lugar, realizando un percorrido pola evolución dos útiles mariñeiros.

«A xente está interesándose moito pola obra de Victoria Moreno, en honor a este día, pero tamén pola literatura infantil en galego», destacou Cipriano Pose, dende o posto da libraría Ler. Precisamente, a xornada acolleu as presentacións das obras Doce cartas a María Victoria Moreno, de Ánxela Gracián, e Alma e o mar, de Chisco Fernández Naval. A primeira publicación trátase dunha intelixente serie de epístolas coa voz dun personaxe que lle escribe a súa autora.

«Alma é un personaxe que sofre unha violencia forte, como as que estamos vendo actualmente. Eu digo que iso non é azaroso porque pasa sempre, só que agora é máis visible», adiantou Fernández Naval da novela que comezou a escribir no 2012 e presenta un novo diálogo entre grandes urbes, como Nova York ou Los Ángeles, fronte a un pequeno pobo galego, onde a protagonista si atopa axuda doutras mulleres que padeceron casos similares.

Preservar as tradicións

«Ultimamente estase levando o encaixe aos complementos e á moda», destacou Mariví Santos, do colectivo Revolteir@s, expertas artesás do mundo do encaixe de boliños de distintos lugares de Barbanza, que están encantadas de amosar o seu arte a todo aquel que se interesa nesta romaría. «Levamos vindo dende o segundo ano e cada vez hai máis xente e máis postos», anotou Santos ao tempo que palillaba.

Mentres as actuacións de grupos de baile como Aroña, o de Abanqueiro ou o da ANPA do colexio de Escarabote se sucedían, a xente comezaba a buscar o seu oco para gozar do xantar ao aire libre nos postos de churrasco e polbo. Mais mentres soaban as melodías das cantareiras de Lumieira ou Albaroque, numerosas familias charlaban e comían baixo a sombra das árbores, como o grupo de Marta Ríos: «Gústanos esta romaría porque podemos convivir e xuntarnos as distintas amigas que non podemos vernos no día a día».