Raquel Bello: «En Brasil hai varias rutas que están inspiradas no Camiño de Santiago»

Existen tamén itinerarios de preparación para viren peregrinar a Compostela, afirma

.

SaNtIaGO / LA VOZ

Brasil é un dos principais países de procedencia de peregrinos a Compostela, algún ano mesmo liderou as estatísticas. É así porque «o Camiño de Santiago ten un forte vínculo con Brasil, pois a visión de Paulo Coelho en Diário de um mago moldea a cultura contemporánea da ruta xacobea, con presenza forte de ideas como a espiritualidade individual, fronte á da relixión organizada; ou da autoaxuda e da recompensa moral no final do Camiño», explica Raquel Bello, filóloga formada na USC e que investiga sobre este asunto agora en Porto Alegre (Brasil).

-¿Ten algunha consecuencia no Brasil ese interese?

-A investigación realizada polo grupo Galabra da USC evidencia un forte grao de implicación das persoas brasileiras que fan o Camiño. Hai asociacións de amigos do Camiño de Santiago fortes, que apoian a novos peregrinos e organizan itinerarios preparatorios. Nos últimos tempos, en Brasil hai varias rutas que están inspiradas no Camiño de Santiago, como o Caminho do Sol, a Rota das Missões ou, recentemente, o Caminho de Cora Coralina en Goiás. Algún mesmo ten recoñecemento oficial, como o Caminho de Santo Antônio da Patrulha de Rio Grande do Sul.

-¿Que son os itinerarios preparatorios?

-Os que se realizan no proceso de preparación para viaxar a Europa e vir facer o Camiño de Santiago. Son escéptica en relación ao apoio que lles ofrecen os gobernos galego e español, porque a investigación evidencia que hai saturación turística en Compostela, e é preciso repensar se vale a pena investir para captar máis turismo. Comprobamos que moitas persoas peregrinan ou aspiran a peregrinar. Porén, ao mesmo tempo, existe un enorme descoñecemento da cultura dos lugares que atravesa o Camiño, especialmente da cultura galega. Esa preparación é sobre todo física e emocional. Os elementos culturais están ausentes.

-¿Hai presenza de Galicia e da súa cultura en Brasil?

-No sur, onde eu vivo, Galicia practicamente non se coñece. No entanto, cando explico de onde son, e se falo en galego, a recepción é de curiosidade e interese, tanto do alumnado como das persoas con que contacto.

-¿É Brasil unha oportunidade perdida para a cultura galega?

-A falta de coñecemento é unha oportunidade perdida para nós. Se Galicia se recoñecese como un país de lingua portuguesa, iso facilitaría a vida das persoas galegas que vivimos aquí. Alén de que existe unha excelente disposición para coñecer a cultura galega, e iso resultaría de enorme interese para a industria cultural galega, e tamén para a autoestima da comunidade galega, ao ver a cultura propia coñecida e recoñecida nun país como Brasil.

-¿Como é a súa integración no mundo académico brasileiro?

-O mundo académico está bastante globalizado, por máis que existan algunhas diferenzas. A miña integración foi boa e rápida, sen grandes diferenzas co mundo académico galego ou portugués.

-¿Ten perspectivas de regresar para a universidade galega?

-Tiven unha acollida excelente na UniRitter cando, por motivos políticos, precisei finalizar o meu ciclo en Galicia. Non vexo agora razóns profesionais para regresar, non o teño previsto no curto prazo.

-¿Como resulta a súa experiencia nunha universidade privada?

-Moi boa. Aquí a universidade pública tende a ser moito máis elitista, e para as persoas con menos recursos económicos, ou que precisan traballar para estudar, a privada ofrece unha boa viabilidade. Temos un alumnado diverso e moi comprometido, en moitos casos verdadeiramente digno de admirar.

Docente e investigadora. Doutora en Filoloxía, formada na USC, Raquel Bello exerce os últimos anos na UniRitter, de Porto Alegre (Brasil).

Colaboración. Continúa a investigar no grupo Galabra, da USC, sobre os impactos do turismo na comunidade local de Santiago de Compostela.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Raquel Bello: «En Brasil hai varias rutas que están inspiradas no Camiño de Santiago»