As voces que namoraron a Barbanza

a. parada RIBEIRA / LA VOZ

BOIRO

MARCOS CREO

A formación musical destaca por combinar cancións relixiosas con temas actuais

29 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Nadal do 2017. Entre as rúas de Ribeira comezan a escoitarse unhas melodías que a medida que se aproximan acaban materializándose nas clásicas panxoliñas desta época. De repente, a canción finaliza e comeza a soar o clásico Swing low do gospel. facendo que todos os pescozos dos viandantes se xiren. Non, non se trata dun coro ao uso. Os artífices do posterior aluvión de aplausos compoñen Sons de Boiro, unha formación que destaca por combinar cancións relixiosas con apostas máis modernas nas que teñen cabida o pop, o rock e incluso o heavy metal.

Este grupo con base en Boiro está formado polas voces de Ángela Suárez, María Alonso, Lidia López, Helena Figueiras, así como a guitarra acústica de Marga Loureda e o piano de Álex Nieto. Aínda que Sons de Boiro naceu en xaneiro do 2014, parte dos seus integrantes proviñan dun coro anterior. «Pasados uns meses da disolución do outro conxunto, decidimos que queríamos seguir», explicou Ángela Suárez deste novo proxecto musical que incorporou caras novas.

A melodía da rúa

O feito de que as intérpretes quixeran continuar a toda costa co coro ten moito que ver co estilo que forxaran nun inicio: «Seguimos na mesma liña, tentamos compaxinar a normativa relixiosa con cancións modernas, iso si, respectando a liturxia da igrexa». Esa filosofía á que apunta Suárez abriulles as portas a novos formatos de actuacións nas rúas e nos bares, se ben antes estaban máis centradas en cerimonias como vodas ou enterros.

Nese sentido, o grupo foi contratado pola Deputación como coro itinerante por todos os municipios da bisbarra, así como para actos como unha entrega de premios no Centro Recreativo de Artes, unha proposta na que lles pediron un repertorio en galego, pero tamén para celebracións tan dispares como o día da patroa ou a Festa da Dorna en Ribeira. Nesta última despregaron un abano de temas tradicionais. Esa versatilidade é unha das claves dun éxito que se exemplifica con detalles como que, antes de rematar o ano, xa tiñan pechadas case todas as datas deste verán.

«Pensamos que a Igrexa debe modernizarse», destacaron dende esta formación, que creou o himno da Irmandade do Cristo da Misericordia e que conta ata cunha panxoliña propia, composta por Marga Loureda. Baixo esa premisa, na lista fixéronse fortes cancións como Alegría do Circo do Sol ou Solo tú de Carlos Rivera. Sen embargo, iso non quita que haxa temas relixiosos imprescindibles nas súas actuacións en templos, pois «o ofertorio ou o santo sempre teñen que dicir o que teñen que dicir», anotan dende Sons de Boiro.

AC-DC camiño do altar

«Sumámonos á modernidade musical axustándonos ás normas relixiosas, ademais tentamos ter un trato moi personalizado cos noivos e adaptarnos ao seu gusto», precisou Suárez de cal cre que é a clave do auxe que están a vivir. E abofé que ten razón, pois proba desa capacidade de elección quedou plasmada na elección dun veciño de Boiro, que desexou subir ao altar mentres soaban os acordes de Highway to hell, dos AC-DC. «Non houbo ningún problema, tocamos a versión instrumental», indicou sorrindo Ángela Suárez, para recordar que tamén viviron una situación moi similar, pero con Son o fillo de José, dos inmortais Heredeiros da Crus.

A pesares de que cada membro do coro ten o seu traballo, o grupo reúnese unha vez por semana na vivenda dunha dos integrantes, onde converteron unha das habitación no seu local de ensaio na que preparan cada actuación. Ademais, Sons de Boiro xa percorreu todo o territorio galego e tamén chegou a tocar no Nadal de Madrid e de León.