Xoán España: «O acoso é un dos problemas máis graves dos nenos con discapacidade»

a. novo / m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BOIRO

MARCOS CREO

Erradicalo é un dos obxectivos do plan internacional no que participa a entidade

18 dic 2017 . Actualizado a las 05:15 h.

Xunto con entidades de outros cinco países, Amicos participa nun proxecto internacional que persigue avanzar na integración das persoas que sofren diversidade funcional psíquica. O director da asociación, Xoán España, sumouse ao espazo Voces da diversidade, de Radio Voz Barbanza, para explicar os detalles deste programa denominado O cambio empeza en nós.

-¿Onde se sitúan as orixes deste proxecto?

-É un proxecto que nace no marco do Erasmus+, a partir dunha idea de base que tiñamos, que era traballar pola inclusión dos nenos na escola ordinaria. Atopamos socios de diferentes países e, segundo as propostas presentadas, vanse elixindo as que mellor se adaptan. A partir de entón, fanse pequenos encontros mediante videoconferencia e correo electrónico para, finalmente, concorrer en común a un proxecto global. Quixemos que foran os ingleses os que o presentaran no seu país de orixe, pois dispoñen de máis financiamento que nós, e foi aprobado cunha valoración moi alta.

-¿Cales son os obxectivos?

-O fundamental é a prevención do acoso na etapa escolar en nenos con discapacidade e facer ferramentas, unha para previlo e outra para que eles se reforcen no caso de sufrilo. O acoso é un dos problemas máis graves dos nenos con discapacidade. Refírome a esa pequena discriminación, cando as persoas con discapacidade quedan fóra dos círculos e non xogan co resto dos nenos no recreo.

-¿A que idades van encamiñadas as accións?

-O que se busca é a integración escolar plena. Existen as tres modalidades de escolarización; a ordinaria, a combinada cos centros específicos e a especial, para os casos máis sensibles, polo que hai que abordar os tres casos. Quizais a maior dificultade está en conseguir que os demais nenos xoguen con aqueles que teñen discapacidade, porque isto é algo básico. Neste eido imos emprender un proxecto dentro de pouco. A nosa aposta é por crear patios inclusivos. Moitas veces vemos en escolas ordinarias como as persoas con discapacidade ou autismo están por un lado, coas súas coidadoras e, por outro, o resto dos cativos xogando. Fraco favor se lle fai á integración.

-Neste programa hai involucrados varios países, ¿non se presenta complicada a organización do traballo?

-Pois vou ser moi sincero: mellor do que eu esperaba. Na primeira xornada todos nos comunicamos perfectamente e todo funcionou ben. Cada un definiu claramente as súas funcións na reunión que organizamos aquí. Todo o mundo tiña as cousas claras e en dúas horas xa estaba o traballo planificado e os prazos marcados. É a primeira vez que me ocorre que nunha mañá, nunha reunión internacional coma esta, se cerrara un plan de traballo. Penso que vai ter uns resultados moi bos. Teño traballado en outros plans similares e aparecen técnicos que nin leron o proxecto. Aquí, para nada. Nós fixemos a presentación como anfitrións e o resto veu rodado. Case tódolos técnicos son mestres e iso facilita moito o proceso.

-E vai haber intercambios de técnicos e de persoas con discapacidade, ¿non si?

-Este é un proxecto de mobilidade e cada xornada de formación vaise facer nun país distinto. Imos visitar os seis países e a tres van ir profesores e alumnos e, aos outros tres, os técnicos. Penso que o resultado vai ser moi interesante.

-O proxecto vaise completar coa confección de materiais.

-Amicos o que vai facer é material multimedia. Imos elaborar tres ou catro vídeos; dous que fomenten a integración e os patios inclusivos, e outros dous con explicacións sobre como unha persoa con discapacidade se ten que enfrontar a unha situación de acoso ou de exclusión.

-Mentres, Amicos segue con outros proxectos coma o calendario solidario.

-Si, coma sempre, contamos coa colaboración dunha ducia de empresas da comarca. Os fondos que se recaden van ir destinados á cobertura das prazas residenciais dos rapaces con discapacidade que quedaron orfos ou desprotexidos.