Diana Mirón: A deseñadora que pon o toque final

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BOIRO

CARMELA QUEIJEIRO

Sombreiros, coroas e diademas figuran entre as creacións desta emprendedora

04 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Boiro gañouse a pulso o sobrenome de República creativa. Son varios os negocios que funcionan na vila vinculados ao eido artístico. Algúns mesmo constitúen unha novidade, xa que viñeron encher un oco que existía non só na localidade, senón en toda a zona. Quizais aí radica o éxito de Diane Onlooker, a marca que ideou Diana Mirón para lanzar ao mercado orixinais complementos elaborados de forma artesanal. A maior parte deles teñen a cabeza como destinatarios.

Vendo as diademas, coroas e sombreiros que fai esta boirense podería pensarse que leva toda a vida dedicándose a isto, pero nada máis lonxe da realidade. Aínda que a moda sempre foi a súa vocación, Diana Mirón formouse nun eido completamente distinto, a interpretación de lingua de signos. Iso si, mentres estaba estudando xa entrou en contacto coa súa auténtica paixón, ao empezar a traballar nunha importante cadea de roupa. Nesa firma estivo ata hai un par de anos, cando decidiu abrir o seu taller de complementos. Asegura que xa levaba un tempo asistindo a cursos vinculados coa artesanía aplicada ao eido dos tocados e dos sombreiros, pero foi unha cuestión de índole persoal a que lle deu o empurrón definitivo: «O feito de ser nai, de querer ter máis tempo libre para estar co meu fillo, foi o que me levou a dar o paso».

Daquela, a deseñadora xa puxera a proba as súas creacións a través de amigos e familiares, que constituíron a súa primeira clientela. Pouco a pouco, co apoio dalgunhas tendas da localidade boirense, Diana Mirón foi estendendo a súa rede. Hoxe a súa pegada está presente en moitas cerimonias. As noivas reclaman a súa axuda para completar a imaxe con coroas, ramos, pulseiras e faxíns. Ela está sempre disposta a compracelas: «Calquera peza especial que busque unha noiva pode atopala en Diane Onlooker». Tamén as convidadas acoden a ela na procura dun elemento que lles dea ese toque especial e singular.

Un proceso artesanal

Para compracer a todas elas, a boirense bota man dos seus grandes aliados: «Emprego moito flores preservadas, que son flores naturais tratadas cunha duración aproximada de seis anos; e tamén porcelana, un material que me gusta moito traballar, porque permite darlle a forma desexada. Tento que sexan pezas de calidade, que perduren no tempo, para que á noiva lle quede de recordo ou incluso que poida empregalo a súa filla no futuro». A orixinalidade é o seu sinal de identidade: «Son todas pezas únicas, nunca fago dúas iguais. Tamén sería complicado, xa que vai todo feito e montado á man e sería case imposible repetir».

Podería dicirse que cando Diana Mirón puxo o ollo nesta idea de negocio, deu no branco, xa que coroas, sombreiros e tocados acadaron un auxe inesperado nos últimos anos: «Este verán foi moi bo, tiven moito traballo; pero en contra do que comentan de que o inverno en Galicia é duro, teño que dicir que nos dous anos que levo co taller aberto non foi para tanto. Agora mesmo, por exemplo, teño traballo para vodas ata decembro».

Incluso os máis pequenos da casa poden redondear a súa imaxe botando man de Diane Onlooker: «Fago moito para primeiras comuñóns e para nenos de arras, aínda que tamén teño pezas para o día a día, o que ocorre é que non empecei aínda a promocionalas». Neste eido da publicidade, como lle ocorre a boa parte dos emprendedores que poñen en marcha un pequeno negocio, Internet é a gran baza da boirense: «Aínda que no taller teño unha pequena exposición para que a xente vexa e probe as pezas, as redes sociais son fundamentais para dar a coñecer o traballo». Con tódolos medios ao seu alcance, seguirá loitando polo futuro da súa idea de negocio.