EN OBRAS. Chora Galicia

Yael Sampedro

BOIRO

31 oct 2017 . Actualizado a las 14:24 h.

O ceo tinguiuse de vermello e faise imposible respirar por mor do fume. Ergueuse unha gran nube de cinzas que quen sabe a que remoto lugar da Terra arrastrará o vento. 

Hoxe, ao igual ca outros anos, é un día triste para nós. Galicia está de loito. Os animais corren aterrorizados, sen saberen a onde ir. Outros teñen moita menos sorte, e morren abrasados entre o lume. A xente séntese impotente vendo como o lume avanza cara ás súas casas sen nada poderen facer, aquelas casas que defenderán mesmo coa súa vida se fose mester.

Bágoas de dor, de tristeza, de impotencia, de realidade.

Xente maior que ten que deixar os seus fogares, polos que levan traballando toda a vida e que tanto lles custou conseguir. Algúns, poderán voltar de novo ao lar, pero outros verán como en cuestión de horas, daquel fogar que lograron cunha vida de traballo e suor, só quedan as cinzas: e toca comezar de novo, inda que, nalgúns casos, sexa demasiado tarde. 

Xente que morre queimada nas estradas porque o lume non a deixa avanzar, e nos camiños, tentando escapar do inferno. Telexornais que nos mostran a cara máis dura dos interminables incendios que enchen a nosa terra, e nos fan ver a triste realidade. Redes sociais que arden cos comentarios, nomeando os posibles culpables, aínda que se boten a culpa os uns aos outros. Pero o que acontece é outra cousa.

Non hai tristeza máis grande que ver chorar unha nai e, hoxe, a nosa nai chora. A nosa Galicia está a chorar, e nós sen nada facer por lle evitar o seu sufrimento. Sempre foi máis doado mirar para outro lado e non dicir ren, coma se nada pasase, ou compartirmos unha mensaxe de apoio nas nosas redes sociais. 

Os nosos montes non arden sos, iso sabémolo todos. Pero tamén nos deberiamos parar a mirar en que estado están, pois unha gran parte atópanse abandonados, ateigados de intereses e con anos de maleza. Pero... todos somos culpables! Uns por non limpar e outros por facernos os cegos. Tamén somos culpables polo que conseguimos cos nosos queridos amigos os eucaliptos. 

Non é tempo para botarnos as culpas. Toca aprender. Por que non irmos aos montes cunha manchea de amor e sementes, e as plantamos alí, na desolación? 

Galicia é nosa, e todos somos Galicia. Galicia é a herdanza que nos deixaron os nosos pais e avós, e tamén a que lles deixaremos aos nosos fillos e netos. Aprendamos. Para min, non hai peor cousa que ver a nosa nai, impotente, chorar. 

Yael Sampedro Davila

É alumna no Instituto de Ensino Secundario (IES) Espiñeira de

Boiro, onde cursa

segundo de Bacharelato.