Unha tradición que regresa á comarca para afianzarse

S. Gómez

BOIRO

cedida< / span>

Porase en marcha esta semana un torneo con cinco xornadas e con preto dunha trintena de participantes

14 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O deporte barbancés volve mirar ao pasado para recoller unha tradición que nunca debeu perder. Faino da man do Clube de Bolos Boiro, que naceu fai un par de anos co obxectivo de recuperar este tradicional xogo galego. «Queremos captar xente nova, é o camiño para conservalo», asegura o presidente da entidade, Manuel Luis Alonso.

Baixo a meta de que este deporte acade maior relevancia entre os veciños da comarca, porán en marcha a primeira liga de bolos individual de A Coruña. Ata o momento realizaban competicións en grupo, polo que este será un torneo pioneiro. «Contaremos cunhas trinta persoas, pero as cifras aínda están no aire, temos a inscrición en curso, calquera que queira participar ten as portas abertas», afirmou Alonso.

A liga dividirase en cinco xornadas, que comezarán este domingo en Triñáns e rematarán o 13 de novembro no lugar de Xarmea, en Boiro. As probas aprazaranse se o tempo non acompaña, xa que os campos de xogo están á intemperie: «Se chove teremos que pasar cada xornada para unha semana máis tarde, polo que pode que rematemos con todo a finais de novembro».

En que consiste

O xogo dos bolos ten una dinámica sinxela, aínda que máis complicado é dominala. «Consiste en lanzar unha bola e darlle a uns bolos que se colocan xuntos. Os que vaian máis lonxe suman máis puntos, que van dende os 10 ata os 100», explica el propio Alonso.

Fai 40 anos era o deporte estrela en tódalas parroquias da comarca, sobre todo nas de Boiro e A Pobra. «Coa chegada do fútbol foise desprazando ata que case desapareceu». O camiño para recuperalo comezará este domingo, ás 16.00 horas, no campo de bolos de Triñáns e tódolos veciños da comarca están invitados a unha proba única.