Unha gala á altura dos Mestre Mateo

O festival Olloboi despediu unha nova edición en Boiro ante centos de persoas


O aforo da casa de cultura da Cachada quedou pequeno na tardiña do sábado para a entrega de premios do festival audiovisual Olloboi, unha gala que, a teor do visto en Boiro esta fin de semana, transcende o ámbito educativo e ten pouco que envexar a citas coma os mesmísimos Mestre Mateo. Preto de catrocentas persoas acudiron á convocatoria desexándolle longa vida a unha iniciativa que loita por saír adiante cada ano ante a falta de axudas das Administracións.

Desta volta, un dos grandes valedores do certame foi o encontro de embarcacións tradicionais que se celebrará en Cabo de Cruz este verán e que patrocinou un dos premios entregados na tarde-noite do sábado. Foi o primeiro dos galardóns recollidos pola decena de colexios distinguidos nesta edición do Olloboi, un festival que, segundo destacaron os membros do xurado, contou con traballos dun gran nivel.

Touriñán e Federico Pérez ataviáronse coas súas mellores galas para actuar como mestres de cerimonias e apareceron elegantemente vestidos, con americana e bermudas, sobre o escenario da Cachada, onde demostraron por que son imprescindibles no panorama humorístico galego. Provocaron as gargalladas do público cos sketch cos que introduciron cada unha das categorías, mentres que os rapaces do colexio de Dodro se ocuparon de poñer banda sonora a esta festa do audiovisual. Houbo tamén vídeos nos que se presentaron todas as curtas finalistas.

Ampla rede de colaboración

Aínda que os protagonistas do acto do sábado eran os rapaces que participaron nos traballos premiados, os organizadores do certame non se esqueceron da ampla rede de colaboradores que teceron para facer realidade o Olloboi deste ano. Neste sentido, falaron desde unha rede virtual, a través da que entidades como a Academia do Audiovisual e a Coordinadora Galega de Normalización Lingüística deron a coñecer o festival, ata a malla educativa na que se inclúen todos os centros participantes e outra social, da que forman parte todas as empresas que coas súas achegas colaboraron para que puidera celebrarse a gala do sábado.

A organización tamén agradeceu o seu esforzo a un grupo de estudantes do instituto da Cachada que traballaron como voluntarios na organización dos actos que se desenvolveron no marco do festival.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Tags

Unha gala á altura dos Mestre Mateo