A galante arquitectura pregoa a prestancia da villa da Pobra no século XVI
10 ene 2026 . Actualizado a las 18:00 h.A orixe e prestancia de tan galante arquitectura pregoan a prosperidade da vila do Caramiñal no século XVI. Os momentos máis significativos do cincocentos na localidade coinciden cos anos centrais e do terceiro cuarto daquel século. Entre as individualidades máis ambiciosas da comunidade sobresaen do seu tecido humano os nomes de Xoán Domínguez Giance e Costanza Domínguez de Búa, matrimonio de ampla faldriqueira. Sen caer en esaxeración, podemos dicir que, na época de construción da súa residencia, esta torre, a do seu panteón funerario, a capela de alba na Pobra, gozan unha puxanza, unha credibilidade e unha influencia tales que nin o espírito máis ambicioso podería desexar nada máis para a súa liñaxe. Exactamente deben ser entendidos como membros destacados da oligarquía local, sen esquecer, que pertencen a unha caste que aspira á distinción arrogada por un título nobiliario.
Foi a tan senlleira torre do Caramiñal predio fidalgo da estirpe paterna de don Ramón del Valle-Inclán e, seguindo a liña sucesoria dos seus devanceiros, copropiedade súa. Profesa grande cariño a esta herdanza familiar. Á torre alude con emoción en declaracións de prensa, ou en parladoiros coloquiais como nos descobren os seus seguidores, aquí declara ter residido ao regresar da súa primeira viaxe a América e figurará en relatos de raizame galega como un escenario significativo de clase e señorío. Polos avatares da vida, en abril de 1898, vende o inmoble a Manuel Lojo Gelpí, industrial que resolve destinalo a almacén para salgaduras, afectando á ruína progresiva e a proxectos de restauración que non prosperarían ata a súa venda ao Concello no século XX (1980-1983).
Os precedentes para rescatar a propiedade en favor do «Señor del Caramiñal» e constituíla en casa museo, ou casa da memoria, sucédense en vida de don Ramón. En especial, en 1922, paralelamente ao escándalo provocado polas declaracións políticas e antimonárquicas de Valle-Inclán nas Américas.
García Martí
En 1935, coincidindo coa súa convalecencia compostelá para someterse a tratamento médico, cando terza o intelectual Victoriano García Martí no desexo de render un tributo nacional ao «Fausto céltico», propoñendo en actos públicos, na prensa e nos fíos da diplomacia obsequialo cun fogar definitivo en Galicia: a Torre de Bermúdez. Mais foi unha homenaxe imposible en termos concluíntes en 1936, tras o pasamento do autor en xaneiro e a insurrección militar en xullo, que desata a guerra.
Será nos albores da democracia cando cheguen os lustres de honores e distincións de recoñecemento para Valle-Inclán tamén na súa terra. Cando a nivel mundial se cumprían décadas nas que os escenarios, as librarías, as bibliotecas, as universidades, os foros que saben da recepción dos textos valleinclanianos.
Iniciativas oficiais que afectarían positivamente á protección legal de monumentos principais e, de igual forma, ao rescate daquela pretensión fidalga do «Señor do Caramiñal» dos anos 1915 e 1916, de xeito que o ignorado nos tempos de Alfonso XIII torna en disposición rexia por Juan Carlos I, o seu neto, outorgando ao fillo primoxénito varón un novo título nobiliario, marqués de Bradomín, que fai mérito da singradura literaria de don Ramón.
Referendado pola firma real publícase o decreto 249/1979, de 9 de xaneiro (BOE, 41, de 17 de febreiro), polo que se declaran monumentos nacionais de carácter histórico-artístico o pazo do Cuadrante en Vilanova da Arousa, a Torre de Bermúdez na Pobra, e o pazo da rúa Nova, no pobo de András. Protexíanse da especulación tres referentes substantivos da persoa e da obra do universal escritor entre nós, símbolos biográficos e literarios, lugares que son faros acesos da súa memoria na actualidade.
Este instrumento legal dispón: «La figura de don Ramón del Valle-Inclán, cuyo renacer literario ha alcanzado inigualable auge en los tiempos que corren, está íntimamente ligada a su Galicia natal. Las tierras y los mares de aquella privilegiada región, sus casas solariegas, sus rincones campesinos, que fueron cantera de inolvidables personajes, evocan la vida y la obra del insigne escritor. Pero hay en este amplio escenario tres sitios altamente significativos en los que pudiera condensarse esta comunión entre el creador literario y su genial producción... La Torre de Bermúdez, en la Puebla, es acaso el único edificio plateresco particular de Galicia. Está situada frente al mar, perteneció también al linaje de don Ramón, que residió en ella largo tiempo y sirvió de marco, junto con la Puebla del Deán, a sus más bellas producciones literarias. Ambas Pueblas fueron para el autor de las Sonatas la villa señorial de Viana del Prior».
Concluíndo, en consecuencia, que son lugares que «deben ser preservados de reformas e innovaciones que pudieran menoscabar o modificar su carácter, y para ello se hace necesario colocarlos bajo la protección estatal mediante oportuna declaración».
A catalogación favoreceu iniciativas claves para darlle un digno uso público
O certo é que esta fermosísima alfaia que é a Torre dos Valle Bermúdez, na Pobra do Caramiñal, grazas á súa declaración como monumento nacional pronto coñecería a súa restauración. Daquela o Concello promoveu sucesivas iniciativas claves para por en valor o patrimonio público e darlle un digno uso público.
A adquisición, o restauro, a constitución do Museo Valle-Inclán de ámbito galego, centro que é a institución valleinclaniano decana do país. Accións pioneiras, de calado, modélicas na súa época e na área xeográfica do Barbanza.
Polos méritos excepcionais que concorren así neste monumento, como na colección patrimonial que reúne no seu interior sobre o artista clave da literatura galega en expresión española do século XX, o correcto sería que recibise as atencións que precisa segundo se dispón no marco xurídico dos bens de interese cultural (BIC).
Propósito de enmenda
Neste ano 2026 que acaba de iniciar a súa andaina asistimos, polo tanto, á efeméride do 50.° aniversario desta declaración de monumento nacional que, en definitiva, trátase dunha protección legal superior. Será magnífica oportunidade para facer propósito de emenda.
Estamos diante dun edificio sen imitación posible para a arte e a cultura pero, sobre todo, estamos ante un símbolo da reputación dunha localidade e dun país.
Ramón del Valle-Inclán deixou escrito en 1922: «Mi casa de las Torres de Bermúdez. La casa más bonita de Galicia, muy siglo XVI, muy genuina arquitectónicamente, con unas gárgolas hermosas. Toda de estilo renacimiento.»