A Croa de Posmarcos

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

A POBRA DO CARAMIÑAL

02 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Non todos os días (non todos os meses, ás veces non todos os anos) se pode celebrar que a veciñanza se converte en propietaria dun importante activo cultural. Iso é o que acadaron os veciños da Pobra do Caramiñal desde o xoves pasado, cando o Concello rematou a compra do castro da Croa de Posmarcos, un xacemento arqueolóxico que está encravado na parroquia do mesmo nome. A Croa trátase dun dos dous castros inventariados neste municipio e sen dúbida o que está mellor conservado, desde un punto de vista arqueolóxico. En si mesmo, é un exemplo case prototipo das aldeas fortificadas que encheron Galicia e boa parte da Europa atlántica durante a Idade do Ferro e, aínda hoxe en día, cando pasaron máis de dous mil anos desde a súa realización, segue a ser a construción máis masiva desta bonita parroquia pobrense.

A adquisición deste valioso recurso foi anunciada o pasado sábado ao principio das xornadas de divulgación histórica A Pobra do Caramiñal no tempo. O alcalde, José Carlos Vidal, sinalou tamén o inicio da folla de ruta para o castro: unha campaña de prospección con tecnoloxías non invasivas que permitirá ter unha primeira idea do que agacha o xacemento baixo a terra e facilitará tamén a posterior toma de decisións.

Contar cun xacemento tan «feitiño» e asumible coma este —a súa superficie total non chega á hectárea— abre numerosas posibilidades de desenvolvemento social, científico, cultural e económico para A Pobra do Caramiñal. Celebramos que así sexa e desexámoslle ao castro dúas mil primaveras máis.