Ramiro Villoch Herrera naceu en agosto de 1930 no rueiro dos cataláns, O Areal, na Pobra do Caramiñal. Médico pola Universidade de Santiago de Compostela, exerceu sempre a súa profesión na vila natal, onde foi un profesional e un ser humano moi considerado por pacientes e veciños.
Retirado da vida profesional, dedicou logo moitos anos ao labor investigador, centrando os seus intereses na industria da salgadura e a conserva, no comercio marítimo, na xenealoxía e na heráldica.
En 1998 publicou o volume Heráldica de Boiro, en colaboración con María Luísa López Otero. Xa no ano 2010 a Deputación da Coruña publicoulle o libro Tiempos de vela, ao tempo que se inauguraba unha interesante exposición sobre os veleiros da Pobra e a bisbarra. En 2011 publicará Heráldica de A Pobra do Caramiñal. Sus linajes, resultado das súas investigacións en arquivos públicos e privados. Ese mesmo ano apareceu o seu traballo Camiño xacobeo terrestre dende o Barbanza, no volume colectivo Os vellos camiños do Barbanza.
Falecido en febreiro de 2023, xa póstumo edítase a obra Tiempos de salazón y conserva en A Pobra do Caramiñal, volume moi documentado sobre esas industrias na súa vila natal nos séculos XIX e XX, cunha introdución sobre a Galicia previa á chegada dos fomentadores cataláns.