Emilio Dieste, presidente do Club Remo Puebla: «Queremos traer o campionato de España de bateis para A Pobra»

Francisco Brea
Fran Brea RIBEIRA / LA VOZ

A POBRA DO CARAMIÑAL

Dieste asegura que entra no cargo con moita ilusión e ganas de traballar.
Dieste asegura que entra no cargo con moita ilusión e ganas de traballar. CARMELA QUEIJEIRO

O máximo dirixente da entidade asegura que están preparados para organizar una cita nacional

27 oct 2023 . Actualizado a las 13:39 h.

O Club Remo Puebla cambiou recentemente de presidente. Emilio Dieste deulle o relevo a Antonio do Carmo e asegura que afronta o reto con ilusión e ganas de traballar. Para esta etapa, a nova directiva marcouse un obxectivo ambicioso pero para o cal consideran que están máis que preparados.

—Por que decidiu dar o paso?

—Levo seis anos no club, catro na directiva, e o fixen para relevar ao anterior presidente, que seguirá con nós. Todo o mundo me animou para intentar darlle un empurrón á entidade.

—Como ve a situación do club?

—Penso que somos un club de canteira e non podemos perder esa perspectiva. Xa non só é o futuro, senón tamén o presente e hai que impulsala. Temos que refrescar os barcos grandes, na traiñeira hai unha media de idade alta a bordo. Vamos a darlle un xiro e meter rapaces.

—Pode saír ben, pero tamén é unha aposta arriscada.

—Somos perfectamente conscientes de que igual non vai todo o ben que esperamos. Temos que facer todo o posible para que os máis novos lle teñan cariño á traiñeira. Ata o de agora, parecía que aos rapaces lles custaba remar no verán, non o vían como un premio.

—Entón, os resultados non son o primordial?

—Son o de menos, o importante é que a canteira teña saída e que o fin sexa remar na traiñeira. Cada día somos máis na base, temos unhas 180 fichas.

—Teñen algún obxectivo fixado?

—Queremos traer o campionato de España de bateis para A Pobra, que aquí nunca se fixo. Tamén pedimos os territoriais e o galego. Creo que dispoñemos dun dos mellores campos de regatas e a xente está preparada para organizalo. Ademais, tamén temos o apoio do Concello.

—Levan moitos anos nos nacionais e xa saben o que e ganar.

—Levamos moitos anos indo e penso que este ano tamén estaremos. Facelo na casa é un reto bonito que conseguir e sería un evento que lle daría moita visibilidade ao municipio e á comarca, porque move moita xente. Ademais, tamén sería unha ilusión moi grande para os remeiros competir coa súa xente.

—E como están as relacións coas Administracións despois de que a finais do ano pasado denunciaran sentirse vítimas da falta de entendemento entre o Concello e Portos?

—O da nave está case arranxando, pero con Portos é unha loita continua. É difícil negociar con eles e pedir permisos. Desde fai uns anos, ata cobran por facer as regatas de bateis. Nós non temos ánimo de lucro e estamos a facer un traballo para a sociedade. E o Concello, temos o seu apoio.